Opinión

Falando de edición en Donosti

Tiven a fortuna de participar hai uns días  no Galeúsca de Editores en Donosti acompañado de Luz Picos (da AGE), Antón Lado (2.0. Editora) e Quique Alvarellos (de Alvarellos Editora). Coma sempre, aprendín un mundo de cousas. Coma sempre, saín nutrido de ideas, coa memoria chea de boas lembranzas e co corazón aínda máis disposto a seguir enchéndose de entusiasmo arredor deste traballo da cultura en lingua galega, fermoso e necesario. 

Tiven a fortuna de participar hai uns días  no Galeúsca de Editores en Donosti acompañado de Luz Picos (da AGE), Antón Lado (2.0. Editora) e Quique Alvarellos (de Alvarellos Editora). Coma sempre, aprendín un mundo de cousas. Coma sempre, saín nutrido de ideas, coa memoria chea de boas lembranzas e co corazón aínda máis disposto a seguir enchéndose de entusiasmo arredor deste traballo da cultura en lingua galega, fermoso e necesario. 

"Os editores e editoras cataláns puideron falarnos xa non só dos apoios lóxicos que reciben dos seus gobernantes senón, sobre todo, de negocio, de industria, de liñas de crédito, de rendabilidade, de mercado, de planes empresariais"

Mais, tamén e coma sempre volvín sentir envexa dos compañeiros e compañeiras cataláns. Porque mentres que vascos e nós falamos dos atrancos que atopamos para que se coñezan as nosas traducións, para espallar a nosa produción editorial alén das nosas fronteiras, para traer a gran literatura universal ao galego (atrancos dende a administración, que reduce as axudas, non promove máis que simbolicamente a nosa literatura fóra, etc., atrancos dende os medios de comunicación, que nos nos axudan a visibilizarnos..., a listaxe de problemas, de pedras no camiño, podería ser infinita) os editores e editoras cataláns puideron falarnos xa non só dos apoios lóxicos que reciben dos seus gobernantes (que entre outras cousas lles piden que estean en todas as comisións nas que hai que tomar decisións relevantes de peso; aquí non) senón, sobre todo, de negocio, de industria, de liñas de crédito, de rendabilidade, de mercado, de planes empresariais. Especialmente interesante foi coñecer o seu Plan Nacional de Lectura (ollo: deseñado entre a Generalitat e os Editores) a catro anos vista, con obxectivos claros, accións claras e un orzamento axeitado.

Entenderedes, pois, por que falo de envexa. Porque os profesionais da cultura galega (do libro, das artes escénicas, do que sexa) deberiamos de falar do que calquera outro profesional fala ao redor do seu traballo: financiamento, colaboración empresarial para sacar adiante proxectos, rendabilidade, creación de máis postos de traballo... Sen embargo, o noso discurso adoita ser sempre, e non pode se doutra maneira, o da frustración pola batalla continua, polos atrancos, polos ataques, mais tamén o a da ilusión, a pesar de todo, porque sabemos que é unha guerra na que hai que estar e que hai que librar.

"Nada, absolutamente nada, nos preocuparía ter un goberno lingüicida se o país consumise cultura galega"

Sen embargo, insisto en que o ideal sería que nada disto fose un tema para nós. E digo, e isto non gusta cando o diga, que isto nos pasa porque, no fondo, non temos un país detrás que nos sustente. Porque nada, absolutamente nada, nos preocuparía ter un goberno lingüicida se o país consumise cultura galega, se a literatura galega tivese independencia do sistema educativo (do que tanto dependemos, e iso non está ben nin é bo para ningún sistema editorial-cultural do mundo), se cando sae a nova obra de tal ou taloutro autor contemporáneo traducido ao tempo que en castelán, se consumise a edición en galego, se, como en Cataluña, as salas de cinema se enchesen cando se estrea unha película dobrada nos cines comerciais...

Podemos seguir buscando escusas. Que son reais, por certo. Podemos seguir botándolle a culpa aos enemigos que non nos entenden non. Que é certo. Mais non o é menos que ao meirande parte do país non lle preocupa xa non só o asunto da tradución de ou para o galego, senón que, en liñas xerais, non lles importa absolutamente nada do que teña que ver coa cultura. Coa cultura en absoluto. E máis coa cultura feita en galego.

A nosa batalla hai que dala aí. Para integrar a toda esa xente que ignora, e ao facelo despreza, a cultura propia pero que sinten como allea. E sei que doe dicilo. Pero é así: hai moitísima xente galega (e moitos políticos, o que é máis grave) á quen non lle quita o sono que o galego e a cultura galega desapareza.
Así que só se conseguimos un país imos deixar de queixarnos.

A responsabilidade non é só dos políticos galegófobos ou, simplemente, ignorantes. A responsabilidade é dun país suicida.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios