Opinión

39 anos sen mellorar nadiña

O xoves aquel, as redes estaban inundadas de imaxes da coroación (en pleno século XXI e nun estado que se di democrático!) de Filipe VI.

O xoves aquel, as redes estaban inundadas de imaxes da coroación (en pleno século XXI e nun estado que se di democrático!) de Filipe VI. Moi militar el (en pleno século XXI e nun estado que se di democrático!), baixando reverencial a cabeza diante de Rouco Varela (en pleno século XXI e nun estado que se di democrático!), falando da igualdade entre homes e mulleres, cando el ten unha irmá maior e sen embargo reina el porque é home (en pleno século XXI e nun estado que se di democrático!), libre todo o escenario de "perigosa"  simboloxía republicana (en pleno século XXI e nun estado que se di democrático! )... Etc.

Da enxurrada de imaxes (canta publireportaxe nas teles por favor! ) quedo con esta, para min resumo prefecto do anacronismo que representa a existencia da monarquía, repito, en pleno século XXI e nun estado que quere chamarse democrático.

Se vos decatades, son practicamente idénticas. A mesma foto. Muda un chisco a calidade da cor. Pero en esencia, son a mesma foto. Ninguén diría que pasaron tantísimos anos. Case que catro décadas.  Nas dúas temos un home (non unha muller: a Constitución aínda sigue falando da primacía masculina na liña sucesoria) que herda o cargo por vía familiar, vestido de militar (cando os militares son unha ínfima parte da poboación e dende o punto de vista simbólico significan o que significan na nosa historia) xurando unha obviedade: que vai respectar a lei. En ambos os casos, faise o xuramento nun contexto altamente contraditorio pois o rei comparece diante dos representantes da soberanía popular (deputados e senadores) sendo el alguén que non foi elixido por un pobo soberano, senón por un ditador fascista e criminal.

 "A foto, case que a mesma corenta anos despois, amosa a pervivencia dunha certa forma de franquismo".

Así que, vendo a foto (e sen ter nada en contra de Filipe, pero si contra da monarquía) a foto, case que a mesma corenta anos despois, amosa a pervivencia dunha certa forma de franquismo. Evidentemente o actual rei seguro que está moi afastado, ideolóxica e  emocionalmente, de calquera sensibilidade totalitaria. Mais a institución monárquica, mentres non se nos pregunte en referendum á totalidade da cidadanía, seguirá estando baixo da sospeita da ilexítimidade.

E isto é algo que cómpre solucionar.  Ou queremos dentro doutros corenta anos a mesma foto, desta volta protagonizada por unha muller (pero porque non hai home, que conste), a mesma foto, repito,  por terceira vez?

Comentarios