mércores 27/10/21

Ler, escribir

Sorpréndenme as escritoras e escritores capaces de escribir en calquera momento. Véxoo tan admirable como envexable. Por desgraza, eu non son quen. Resúltame imposible, mal que me pese. Cando escribo, escribo. Quero dicir que cando escribo, non podo dedicarlle a miña atención a practicamente nada máis. A escrita requíreme unha concentración enorme, fidelizada, que desbota calquera outra actividade principal. Evidentemente, non todos os rexistros, xéneros ou formatos precisan da mesma intensidade tensional. Pero resúltame moi díficil crear literatura sen dedicarlle unha entrega case íntegra. Cando o fago, dilúome na escrita e, nese proceso, calquera cousa me molesta.

En Douche a miña palabra non falei diso, aínda que é un libro sobre a escrita e sobre a lectura. Sobre a palabra, claro. Ignoro por que non falei diso. Se cadra non me pareceu importante contalo, que máis ten! Pero foi escrito dese xeito, tiránico, absorbente. Escribino nas miñas vacacións do mes de agosto, o único momento do ano no que na actualidade podo conquistar ese tipo de liberdade. Ora ben, teño que puntualizar algo moi importante: Douche a miña palabra era un libro que tiña xestante, na miña cabeza, coma se fose un longo embarazo, un embarazo que durou varios anos, pois hai moito tempo que desexaba escribilo. O desexo de escribir algo tamén é un instrumento relevante, que actúa coma un cronómetro, desencadea a paixón da escrita e faina fluír coma a frenética corrente dunha freixa. Aí é onde eu me atopo coa escrita. Nesa caída, vertixinosa, abouxante, case cega.

Había moito tempo que todas as palabras que lles ofrezo ás lectoras e lectores neste libro empurraban dentro de min para saír. Madureceran e fervían. Se cadra, por iso fun quen de escribilo. Por iso, e porque supuña unha reflexión que me parecía importante: abordar, desde o ensaio e para o público infantil e xuvenil –pero non só–, o significado da palabra, da lectura, da poesía, da literatura, da lingua, da creación literaria.

Pero, probablemente, de todos os significados, aglutinados por ese concepto enorme que é a palabra, o máis urxente para min era o da lectura. Porque, a estas alturas das nosas vidas, creo que todos os lectores e lectoras nos facemos unha pregunta crucial: como sería eu se non fose lector? Que tipo de persoa sería?

Os escritores e escritoras temos a tendencia a pensar que a animación lectora non é un asunto que nos competa, na medida en que somos creadores, inventoras e inventores, artistas –no sentido máis puro do termo– e, daquela, a responsabilidade de que os nosos textos sexan lidos compételles a outras persoas, a outro tipo de profesionais. Pode ser, pero que sería dos nosos textos se non houbese lectores e lectoras? Existiriamos? Mesmo diría máis... escribiriamos?

Porque, sen dúbida, o baleiro é moi doloroso, e diso sabemos moito quen escribimos en linguas minorizadas. Seguro que tivemos moitas veces a tentación de abandonar. Eu tívena, confésoo. Mesmo aínda que ás veces crea que non sería capaz. Ou si, quen sabe. Pero chegado a este punto pregúntome como canalizaría todas esas palabras que bailan alegres, organizándose, dentro da miña cabeza. Como lles daría saída. Se cadra, eliminándoas, sen máis. Pero ignoro se sería factible. Un non sempre domina o que ten dentro da cabeza.

Agora son consciente de que o meu futuro literario consiste en abrirlle as portas a unha importante cantidade de proxectos creativos que, ao longo dos anos, teceron infatigablemente as miñas neuronas e que, por diversos motivos, nunca puideron atopar a liberdade que procuraban. Se cadra, logo de tanto tempo presos, vailles faltar a frescura dunha infancia e adolescencia que xa esqueceron e chegarán cun certo resaibo a cebola rustrida, pero, quen sabe, probablemente ofrezan máis enerxía calórica cando xa soltaron tanto zume.

Ao longo de toda a miña vida creativa sentín unha estraña impotencia de non ser quen de contar todo o que desexo contar. Ora ben, o que un desexa contar non sempre é o que hai que contar. Así que se cadra debo aceptar que o tempo é o mellor editor que existe. E, no fondo, un bo aliado.

comentarios