Opinión

A Casa-Museo Manuel María e a súa sementeira de humanismo

Gustaba Manuel María de viaxar, de andar e ver o mundo, de contrastalo dende o seu sistema métrico, aquel que tiña como coherente unidade de orixe a súa tribo de Outeiro de Rei e Galiza como nación. Ansia de saber ceibe que se estendía polas terras e os tempos de todo clasicismo, catando, entre pan viño e queixo, a poesía da terra e das cousas, para logo compartila a través da palabra. E non lle abondaba con someterse á tópica ditadura da vista, senón enxergando, poñendo todos os sentidos, intuicións e a súa singular cultura, herdada, aprendida e contrastada nos libros, nos parladoiros e nos camiños da vida. Ansioso de poñer o pé onde o puxeron deuses, poetas e sabios, sobre templos, casas e tumbas, nesa harmonía entre a paisaxe e a paisanaxe, que el, como os seus admirados saudosistas lusos, gustaban dicir.

Como aqueles modernistas da celebrada Xeración Nós, Manuel María prefería a viaxe feita a pé e de vagar, enxergando os locus amoenus que inspiraron aos seus admirados, aínda que tampouco lle poñía peros a facelos naquel seu primeiro Corsa conducido por Saleta, e co que deu a cumprimento a vellos desexos, tripar a terra, Galiza, Portugal, Andalucía, Euskadi. Mesmo superando a negativa a meterse nun avión ante a tentadora viaxe ao Crecente Fértil, onde naceron tantas historias bíblicas que ben sabía. Despois da viaxe a Caracas, volvería a meterse nese tubo de latón, algo que o desnortaba.

Ben sabía a Compostela de Rosalía, ben coñecía a inspiradora Casa da Matanza de Padrón, en orixe, humilde, popular. Como a Casa Grande de Trasalba, coa solaina de pedra, onde Otero Pedrayo leu As Memorias de Ultratumba, miradoiro de bocarribeiras e, ao fondo, o Coto de Novelle, confluencia dos cinco ribeiros. Casas que son o corazón xeoestratéxico. O Pazo de Pascoães no Gatão de Amarante, a que acolleu parladoiros, onde aniñou o saudosismo da imitada Renacenza Portuguesa. A casiña de Miguel Torga na aldea trasmontana de San Martiño da Anta, a da ermida de Nossa Senhora da Azinheira avistando a serra do Marão e o Douro. Camiños do grande romántico Castelo Branco. A Celanova de Curros, de Celso Emilio; o Ponteceso de Pondal, a Casa de Novoneyra en Parada do Courel, cerna onde se dignificou a Terra.

Toda a obra de Manuel María é unha agradecida peregrinatio a través da vida, a que por moi longa que sexa non dá nin para coñecer un anaco da inmensidade labiríntica de Galiza, teimaba.

Coñeceu a casa, as leiras do seu admirado poeta Francis Jammes en Orthez no País Vasco. Pousando tamén os pasos onde os puxo Antonio Machado, Sevilla, as aulas de Segovia, Soria, o camiño do exilio e da morte, Collioure coa Pensión Quintana e aquela campá sobre a que, necesariamente, habería que pousar unha rosa branca, outra vermella e unhas verbas... O Moguer e a Casa de Juan Ramón Jimenez, o itinerario de Platero... A Synera (Arenys de Mar) de Salvador Espriu, a casa co xardín das cinco árbores e a tumba naqueloutro cemiterio mariño, inevitablemente comparable co de Paul Valery en Set ou co coruñés do Santo Amaro.

Na Bretaña visitou Manuel María o castelo de Combourg de Chateaubriand e a súa casa de Saint Malo, dando pé a paralelismos entre a casa grande de Trasalba e a da rúa da Paz de don Ramón. Na vila sarda de Nuoro entrou na Casa Museo da escritora Graza Deledda, rural, con horta, carro, como na de Pirandello na siciliana Agrixento, cun piñeiro manso baixo o que quixo ser enterrado o dramaturgo. E Florencia, Rávena sobre os pasos e os amores do Dante. Mesmo a Roma do cemiterio literario do Testacceo, até teimando en visitar a quinta do poeta Horacio e a súa fonte de Bandusia. Amante o chairego das míticas fontes das ninfas: a de Castalia en Delfos, a de Aretusa en Siracusa, a de Nemausus en Nimes... a fontana de Vaucluse, retiro para un Petrarca tolo de amor por Laura. Fontes nas que o chairego, aínda sendo de viños, se permitía un grolo de auga.

“O camiño é unha nostalxa” entre lugares ao cabo do tempo transtornados. E témolo falado que o mellor xeito de entender a orixinalidade dun creador é furando nas súas orixes. Mal sabía Manuel María que ao cabo do tempo a súa Casa de Hortas, a súa “Imago mundi”, fose centro nesa misión de que a cultura é o que o ser humano cultiva: humus=humano=humanismo.

Comentarios