Opinión

Aqueles sitios e museos literarios visitados por Manuel María

Manuel María sabía e dicía como Vicente Risco que non chega unha vida, por moi longa que sexa, para enxergar a inmensidade da Galiza. Sabía entón que unha viaxe ensaríllase noutra, que leva a ler e pescudar. Non había casa ou camiños dos seus preferidos escritores galegos ou portugueses que el non coñecese, os "locus amoenus" que noutrora inspiraron a sensibilidade de quen soubo tanxer e emocionar coa arpa daqueles sitios especiais: O Padrón e a Compostela de Rosalía. A Celanova de Curros, de Celso Emilio, de Ferrín. O Mondoñedo de Leiras, a cidade mística e misteriosa daquel Seminario que foi sementeira poética. O Castro de Rei e a chaira de Crecente Vega. O Guitiriz de Díaz Castro. O Rianxo de Paio Gómez Chariño, de Castelao, de Manuel Antonio, de Dieste. O Cambados de Cabanillas, o Lugo de Pimentel, de Anxel Fole, a cidade murada daqueles parladoiros de café. A Pontevedra de tantos, entre eles do seu Cuña Novas, poeta amigo que o noso tempo parece transpapelar. O Courel de Novoneyra e, sobre todos e sobre a bocarribeira do Miño e do Barbantiño, a Trasalba de Otero Pedrayo e a Auria de Nós, a da rúa da Paz, a do Volter.

Manuel María rousábase arredor da casa de Torga en San Martiño da Anta, Tras os Montes. Meteuse nos predios nos que viviu e se suicidou Camilo Castelo Branco, en San Miguel de Ceide de Famelicâo. De todo algo ten contado nas súas crónicas viaxeiras, os Andando a Terra asinados co heterónimo de Manuel Hortas Vilanova, segundos apelidos de pai e nai. Ben soubo, ademais, das idas e vidas dos irmáns Machado, dende Sevilla a Segovia, Soria... O camiño andado do poeta Antonio, sen volta, a Collioure, a pintoresca vila nos Pireneos orientais onde sempre fixemos parada para pousar sobre a campa do poeta e da nai unha rosa vermella e versos de esperanza. E non deixaba de man, cara a Astorga, o triste pombal e casa de Castrillo de las Piedras, o do "Desencanto" do controvertido poeta do Teleno, Leopoldo Panero, e arredor del, as traizóns, a guerra, a ética e a estética, preguntas e respostas

Manuel María coñeceu en profundidade, conducido polo seu leal e moi querido amigo Pepe Estévez, onde naceu e onde viviu o seu admirado Francis Jammes, a vila de Orthez, nos Altos Pireneos, Euskadi. Subiu e baixou a Lisboa de Pessoa, a dos cafés literarios, en competencia cos de Venecia, París, Roma ou Zurich, por el tamén coñecidos e saboreados. Visitamos con atención o Saint Malo de Chateaubriand; coñecemos o seu castelo, o das o das Memorias de ultratumba, Combourg, onde fixemos unha homenaxe en honra de Otero Pedrayo. Ben sabía, e alá fomos, da Florencia de Dante, da Fontana de Vaucluse na Provenza, non lonxe do seu querido Avignon; o Set do Cemeterio marino de Paul Valéry, o que comparamos coa necrópole que emproa ao Mediterráneo na Synera do seu admirado e amigo Salvador Espriu. Pobos, cemiterios mediterráneos de branco e azul, emproando o enigma de odiseas. Velaí no Agrixento do que foi a Magna Sicilia a casa-museo de Pirandello, solemne quinta labrega: nunha banda desta súa casa familiar, baixo un frondoso e antigo piñeiro foi enterrado o dramaturgo, e foi como el quixo, en soidade, só na compañía do asistente fúnebre, baixo o amparo daquel piñeiro manso. Manuel gustou desta casa-museo e do seu sitio e explicou a influencia do vento e da luz, do azul, na mente contrafío do escritor.

Entre todas esas casas-museo de escritores damos fe que da que máis gustou Manuel María e quizais por semellanzas labregas coa súa chairega Casa de Hortas, foi en Cerdeña, en Nuoro, da casa da escritora Grazia Deledda (1871-1934). Mansión labrega, matriarcal, onde a nai coidou das tradicións, da relixión, das leiras, da memoria. Manuel María lera a obra desta Premio Nobel do 1926: novelista e poeta moi metida nesa interacción paisanaxe-paisaxe na que tamén se debuxa o poeta chairego. Pese ao seu autodidactismo, na escritora sarda vense influencias do decadentismo de D´Anunzio. Rexentado polo Instituto Etnográfico Sardo, o museo foi inaugurado pouco antes de nós telo visitalo, no 1983. Espazos onde se descobren as orixes nas que radica a orixinalidade da autora. Sitio que mantén o espírito, as fantasmas, o genius loci inspirador, que nos cativa a sensibilidade do viaxeiro lector. Manuel María propagaba que o universal é a unidade na diversidade e que nas orixes radica a orixinalidade, o noso aporte.

Comentarios