Opinión

Adulterar o plan do 'Museo Valle-Inclán' da Pobra, entre outras chapuzas

Cando se fala á lixeira de crear museos, de musealizar e de plans expositivos, non sobra seguir a explicar o que é un museo e a museoloxía como ciencia da xestión destes centros. Museos que se pretende de actores máis que de espectadores, en función da ética e da estética, tamén das novas tecnoloxías: centros pra informar e formar, en constante evolución.

E sabemos que non é fácil crear un museo real —fronte ás campantes virtualidades— con canto aquel implica de continente, de contidos e de función social: conseguir espazos axeitados, adaptalos, facerse con artefactos orixinais que nos axuden a complementar o crebacabezas da historia, a estudialos, documentalos, seleccionalos, a expoñer e explicar cunha secuencia lóxica ou, en todo caso conservalos entre os fondos en reserva pra futuras exposicións.

En fin, entender o museo cunha misión de sensibilización, pra atraer aos de dentro e aos de fora, pra ser referente, como na Pobra do Caramiñal ven sendo o Museo Valle-Inclán (1987) dende o seu camiño á especialización iniciado en 2006, o pazo que nunca tivo, quixo ter e por fin, agora ten a memoria de don Ramón María del Valle-Inclán. Ese espazo son as renacentistas Torres de Bermúdez, noutrora mirando a ise seu mar de Arousa, estrutura soberbia onde acoller o “genius loci”, as misteriosas sombras do espírito do creador das sonatas e dos esperpentos. Referentes, recursos identitarios, patrimoniais e turísticos e cos que, non sempre, se ten sensibilidade para dialogar con eles, entendelos e respectalos.

Si o difícil é crear o fácil é destruír, enchafallar, chiringuitizar, adulterar os argumentos orixinais, os que determinan orixinalidade, como é o que parece está acontecer co plan e a traxectoria do Museo Valle-Inclán da Pobra, tampouco é o único caso en Galicia.

Partimos do principio de que tan “culto” é o xeito de facer como o xa feito. Entendendo que non se debe intervir, cando un profesional dos que profesan o que fan, como é Antonio González Millán, director do Museo estando de baixa por enfermidade, non se consulte, se ignore o plan museográfico, os compromisos, pra, aproveitándose da súa eventual ausencia, dende os poderes públicos municipais, se desmonte o montado con criterio e se instale algo que non encaixa cos fins, nin co criterio profesional, nin cos seus fondos o que ben puidera ter sitio máis axeitado noutros espazos.

Museo de Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal no que, deica aquí, se ven gastando saber e sensibilidade coa ansia de devolver a don Ramón del Valle-Inclán —ise xenio que coloca a Galicia, á Barbanza e a súa ría no mapamundi—,  o seu “locus amoenus”,  á cerna da súa inspiración, o lugar de ida e volta. Torre-Museo que non soamente son referente, senón que ao albeiro da luz desta torre-faro naceron e compiten moitas outras iniciativas. Aquí maduran aquelas vellas ilusións, as que lle temos escoitado a leais “barbanzónicos” , entre eles a Carlos García Bayón. Nesa tarefa de construír, Antonio González vixía e procura canto pode enriquecer este centro, atrae e implica á familia Valle-Inclán, adquire, faise con legados para incorporalos a un proxecto museográfico coherente e niso sigue, pese ás pedras do camiño.

Pero velaí, topamos coa aculturación campante, coa arbitrariedade, mesmo coa ignorancia, causas que teñen os seus efectos. Pois a cultura ou a incultura lévase posta e esta denótase na falla de sensibilidade, na chapuza, nos intervencionismos, nas “tonechadas” oficiais, interferencias fronte á profesionalidade... e velaí iso que chamamos feísmo e que tanto abrangue a estruturas, como a comportamentos e tantas veces ás mesmas administracións. Así que polo que enxergamos aínda alguén non se entende a misión dun Museo dedicado a Valle- Inclán e velaí o elefante que entra na cacharreiría.

Non é novo o problema nesta Galicia nosa, onde dende os poderes públicos, edulcorados na adulación, son capaces de exercer certa tiranía, tinxida de “democrática”, e prolongan a súa parva ilustración ao territorio público, mesmo aproveitando os momentos baixos dos profesionais. Tan sequera sen saber o seu papel, entender que o máis listo é o que teñen o teléfono de todos os listos. E Antonio González é a peza axeitada nese taboleiro de xadrez. A il pódese aplicar o dito de “que buen vasallo si oviesse buen señor”.

Sabemos que o que está de ser será, que ao fin e ao cabo a profesionalidade vence e que “ el que más vale, no vale tanto como vale Valle”, un teimudo profesional das letras.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios