Opinión

Votar en Venezuela

Comecei a votar en Venezuela en 1963. E seguín facéndoo ata o de agora. Resumo unha experiencia persoal.

Naquela época votábase con tarxetas de cores que representaban as opcións. O elector elexía unha e metíaa na urna. 

Quen era ese elector? Aquel que tiña cédula de identidade. Pero aínda que millóns de persoas, que carecían dela, estaban automaticamente excluídas ao non existir como cidadáns, o voto era obrigatorio. Era a hipocrisía institucionalizada.  

As tarxetas eran contadas nas mesas de votación controladas polos dous partidos que se alternaban no poder. O resultado, as máis das veces amañado, colocábase nunha acta que era a que tiña valor legal. Daquela as tarxetas destruíanse. Moitos dos votos das organizacións pequenas ou de esquerda que non alcanzaba a ter representación na mesa, repartíanllos con total descaro os partidos do sistema. Entón dicíase con ironía: ACTA MATA VOTO. Porque a verdade legal impoñíase á verdade real. 

Dese xeito a fraude estaba cantada de antemán. Por outra banda, os centros electorais estaban distribuídos desigualmente no territorio.

Eran moitos nas zonas das clases medias e altas. E poucos nos barrios e no rural para dificultar o voto das maiorías. Todo isto é facilmente comprobable por quen queira achegarse á historia verdadeira. 

Tivo que chegar a revolución bolivariana, para que se garantise a democratización do voto popular e a pulcritude das eleccións. Coa constitución de 1999, o organismo electoral, dependente do executivo, abre paso a CNE, o Consello Nacional Electoral, que é un dos 5 poderes do Estado, e por tanto autónomo.

Tamén se elimina a obrigatoriedade do voto, que pasa a considerarse, máis que unha obrigación, un dereito. Pero ao mesmo tempo, ao contrario do establecido, por exemplo, en EEUU, ninguén pode ser privado dese dereito por ningunha razón xurídica ou legal. Todo o mundo sen excepción está convocado, debido a que agora o goce da cidadanía é pleno nunha democracia que se define protagónica e participativa. 

A través da Misión Identidade, en apenas dous anos, entre 2003 e 2004, logrouse dar cédula de identidade a oito millóns de venezolanos e venezolanas, na súa maioría excluídos anteriormente, entre eles unha maioría de poboación indíxena,  secularmente privada dos seus dereitos. Regularizando tamén a situación de moitos inmigrantes, unha gran parte colombianos, a quen se lles dificultaba o seu acceso á nosa cidadanía. 

Así mesmo a partir de 2004, comeza a producirse unha automatización e informatización integral do proceso electoral, que pasa a converterse nun dos máis fáciles, rápidos, eficaces e confiables do mundo. Identificación biométrica do votante. Voto electrónico con respaldo físico para verificación do cálculo, con obrigada auditoría en 54% das mesas.  Acceso aos distintos pasos informáticos do sistema, con combinacións ou claves colectivas que non funcionan sen o concurso obrigado dos distintos partidos en pugna. Existencia de 17 tipos de auditoría aos distintos pasos do proceso referendadas polos membros do CNE, representantes do goberno e da oposición e analistas independentes, efectuadas antes, durante e despois das votacións. Todo un alarde de democracia e tecnoloxía ao servizo da verdade sacra que é a vontade do pobo, imposibilitando calquera tipo de fraude, como lle consta aos veedores internacionais.

De maneira que ninguén debe ter dúbida de que os resultados proclamados polo CNE en calquera elección venezolana, incluída esta onde o chavismo gañou 20 das 23 gobernacións, así como Caracas e a maioría das 335 alcaldías, recollen con precisión e  matemática claridade a vontade do pobo.

Comentarios