Opinión

Nunca pelexes cun porco na lama

Eu podería comezar este artigo cunha frase evocadora do tipo "vivimos tempos convulsos", pero no momento en que o estou a pensar asumo que todos os tempos son convulsos dalgún ou doutro xeito. Con todo, creo, e así o corroboro todos os días, que vivimos un momento no que algo está a piques de rachar definitivamente para non volver, como ese chan queimado despois dun incendio, no que a terra morna xa non acepta nin o auga para sobrevivir porque o lume encargouse de queimar non só a superficie, senón a súa alma. Lonxe de mensaxes apocalípticas (e fuxindo de frases evocadoras) neste escenario abrasado o respecto corre grave perigo de extinción. E nestas, coma sempre, somos nós, as mulleres e as nenas, as que saímos peor paradas.

Rematamos un ano 2022 cun Congreso dos Deputados enredado nunha agresiva dialéctica, derivada da polarización envelenada protagonizada polos extremos ideolóxicos, que nestes días tivo a dúas mulleres colocadas nesa malferida punta do iceberg. As verbas que saíron dunha deputada de Vox cara a unha representante do goberno non teñen parangón e insultan directamente o respecto de todas, mais aló da cor política. Saídas de testo que nin a presidenta da Cámara, tamén unha muller, cada día máis contundente, pode frear. Meritxell Batet rompe a súa gorxa en cada sesión para pedirlle aos deputados que non se dediquen a ferir ou a ofender os seus compañeiros cando soben á tribuna, pero nin con esas. Pide dignidade e, coa lei na man, pide o cumprimento do artigo 16 do Regulamento da Cámara, que comina a respectar a disciplina e a cortesía parlamentarias. Pero nada. Terra estéril.

E isto nun fin de ano caldeado por unha lei que reduce penas a agresores, violadores, puteiros, pederastas… que está a servir para que uns e outros se tiren os trastes á cabeza mentres as mulleres vítimas fican dentro das súas casas mortas de medo e con medo a acabar mortas. Pero non hai respecto. Unha vez máis son elas, na política, no debate, as vilipendiadas. A berros, pero tamén na prensa. Como se pode permitir que un diario de tirada nacional publique unha entrevista a un maltratador con sentencia firme por agredir a súa muller e os seus fillos, en busca e captura? Non só se permite, senón que segue en aberto nese periódico. E tamén detrás dunha pantalla. As faltas de respecto, os abusos e as coaccións cébanse coas mulleres nas redes sociais.

Segundo un estudo da USC e a Fundación Barrié, publicado este mes, 1 de cada 4 adolescentes galegos fai un mal uso de internet e son elas as protagonistas na pornografía, o sexting ou o grooming. Son elas as que son apremadas con maior frecuencia para que envíen fotografías ou vídeos íntimos. As mozas representan un 18,6% dos acosos fronte a un 6,9% dos mozos. É arrepiante coñecer que 1 de cada 3 adolescentes se atopa nunha situación de violencia psicolóxica -datos do Ministerio de Igualdade- e nin se decata. Nenas que, aínda por riba, non saben recoñecer esas situacións como relacións abusivas, nunha época na que as novas tecnoloxías e as redes sociais fixeron emerxer novos tipos de violencia de xénero. Sofisticadas violencias coas que o agresor pode saber dende onde está exactamente a súa parella ata ler en tempo real conversacións privadas. "Espíame o normal". Os datos oficiais falan de que o 66% das mulleres novas non recoñece estas situacións, un 40% das adultas.

Non, non podemos permitir que as violencias, lonxe de extinguirse, muden. E isto é cousa de todos. Non só é cousa da política, da lexislación, da xustiza, que tamén. Non só é cousa dos centros escolares, dos institutos. E non so é cousa das familias, que tamén. Non permitamos que a árbore non nos deixe ver o bosque. Non permitamos que a pantalla non nos deixe ver a agresión. Eduquemos as novas xeracións no respecto e na educación. Elas e eles serán os que mañá debatan no Congreso. Elas e eles que hoxe collen un móbil sen saber moi ben que teñen entre mans. A importancia da educación. Do respecto. Da igualdade. Do feminismo. Que sempre as cousas se chamen polo seu nome, pero que a próxima Meritxell non teña que eliminar ningunha palabra do diario de sesións por vergoña e que os diarios eliminen as verbas de calquera agresor. Non pelexemos cun porco na lama, sempre será o animal o único que terá desfrutado.

Comentarios