Opinión

Xuíz e parte

[Xoán Costa]

Ben caducos membros do Consello Xeral do Poder Xudicial do Reino de España, permitan esta carta. En 2008 X. Ferro Ruibal publicou o libro Refráns da xustiza. A colección recolle o sentir cidadán e moita experiencia acumulada sobre a corrupción da Xustiza “Maxistrado en pravidade, perigo prá sociedade”; sobre a ausencia de xustiza “A razón é unha cousa, a xustiza outra” ou sobre fraude fiscal “Quen vaca do rei come, a cen anos lle paga os ósos”. E hai moita doutrina que se axusta á perfeizón aos principais acontecementos desta semana en que a palabra “Constitución” foi o eixo do debate quer pola xura de Leonor quer pola rebelión de boa parte do CXPX, expresado nun comunicado que non só cuestiona a imparcialidade do Consello senón que xulga e condena, sen o coñecer, o texto dunha lei de amnistía que aínda non está. E aí, señores caducos membros, de novo o refraneiro: “Se queres ser bon xuíz ouve o que cada un diz”. Mais non, vostedes sentenzan antes e despois fan que escoitan. Talvez o Presidente da Xunta, entidade que publicou a recompilación de Ferro, debería enviarlles un exemplar do libro para leren as súas señorías esta boa colección de refráns. Non o vai facer. Seguro que vostés, señorías, se o puidesen ler, concordarían con “máis pode un home no estrado ca trinta na taberna” .  Permitan que eu lles diga que “En xustiza, xuez e parte é mala arte”.

Comentarios