Opinión

Tren de noso

[Alberte Mera]

Está a ser unha especie de condena bíblica o que acontece case todos os días cos ferrocarrís na Galiza. Á falta de trazados que vertebren o país e alén do fechamento de paradas en vilas e descarrilamentos -até tres nos últimos meses-, hai que engadir a xa case diaria concatenación de atrasos, esta semana de máis dunha hora tanto antonte como onte no traxecto A Coruña-Vigo en diversas frecuencias debido a incidencias, falta de persoal, etc. O BNG na segunda feira, onte a Xunta da Galiza e mais as asociacións de usuarias e usuarios de tren na Galiza reclamaron ao Goberno español solventar de maneira rápida e eficiente estes problemas. Deficiencias que fan que un servizo de transporte sostíbel e hoxe por hoxe económico deixe de ser unha opción xa que os diarios atrasos obrigan as usuarias e os usuarios a chegar tarde aos seus traballos, centros de estudo ou citas médicas. O delegado do Goberno español na Galiza recoñeceu antonte as deficiencias e comprometeuse a que o Executivo as arranxe. Mais a experiencia indica que non se van apurar. Aproveitando que o BNG arrancou a Pedro Sánchez o compromiso para crear o tren de proximidade na Galiza, e xa que o Estado pasa dos problemas ferroviarios de a diario no país, era bo que se tivese como obxectivo que a Galiza xestione os camiños de ferro no país. Que os centros de decisión e operacións estean máis perto é máis democracia e mellor xestión.

Comentarios