Opinión

Todas pagamos os seus negocios

[Alberte Mera]

O Goberno galego conformado polo Partido Popular consolídase como unha ferramenta para enriquecer as empresas. Aquí é moi doado ser neoliberal, facer un Miley criticando a redistribución da riqueza ou a existencia de Consellarías e Ministerios de cuestións nas que o neoliberalismo considera que os poderes públicos non se deben meter. Que fácil é dicir que deben rematar cos fondos á sanidade ou á educación pública, ou que se privatice todo para que cada quen teña "liberdade" de estudar onde desexar. Claro que si, e mentres? Mentres estes iconos do neoliberalismo son engordados con cartos públicos, de todas e todos nós, entregados graciosamente polo Goberno galego. Primeiro privatizaron as caixas nun banco que rescataron con millóns de euros públicos para logo regalarllo ao señor Escotet. Gran negocio. Os cartos públicos para os banqueiros, non vaia ser que se enriquezan só do seu traballo, hainos que axudar. Logo está a cuestión de que a Xunta da Galiza recorrera á banca privada para endebedarse pagándolle a ela os xuros en vez de recorrer ao fondo público estatal. E agora? A última idea de Rueda para pagar ás empresas é darlles entre 36.000 e 50.000 euros ás compañías do negocio do ladrillo por cada piso que constrúan e dispoñan para aluguer. Como fai política pública a Xunta? Engordando os negocios privados. O capital paga o capital. Ricos que gobernan para si

Comentarios