Opinión

Sacar a máscara

O proceso de desescalada ten hoxe un dos puntos clave, coa fin da prohibición da máscara en exteriores agás  cando non sexa posíbel manter a distancia interpersoal. Era un paso moi agardado pola sociedade, de aí que houbese gobernantes (Núñez Feixoo) que semellasen doídos por non ser eles quen fixesen en exclusiva un anuncio tan esperado.

O mesmo Feixoo que se adiantou no Estado, cando a vacinación estaba aínda nos primeiros pasos, a falar de que en breve se debería poder andar polo exterior sen máscara; enfadouse cando o Goberno español, coa vacinación xa avanzada, anunciaba que a partir do 26 de xuño remataba a prohibición de andar sen buceira no exterior.

O proceso de desescalada non é lineal. Temos o exemplo ao lado: Portugal tivo que frear a volta á normalidade polo grande aumento de contaxios detectados en áreas como a de Lisboa. Un escenario que, de non se manter a prudencia e a cautela nos diferentes pasos de retorno ‘a ‘normalidade’, podería darse na Galiza e no Estado. A chegada do verán, co aumento da mobilidade e de facer máis vida na rúa, non debería ser limiar dun setembro con malas novas.

Comentarios