Opinión

Rueda non gosta da Xustiza

[Alberte Mera]

O do presidente da Xunta da Galiza é unha fuxida cara a adiante cos ollos vendados ou ben non ten constancia do que acontece na realidade. Após as sentenzas xudiciais que paralizan proxectos eólicos na Galiza autorizados polo Executivo que comanda Rueda -sendo moitos destes complexos parados por presentárense baixo a forma de varios parques agochando que na realidade se tratan de un macroparque ou ben por incumprir os prazos de exposición pública-, o presidente da Xunta aseverou onte, a preguntas deste xornal, que estas sentenzas non contradín a política eólica do seu Goberno. Aínda foi máis alá e con certa sorna deixou entrever que algún xuíz podería estar influenciado polos seus ideais políticos.

É doado entrever por quen ía. Ben, e que fai Rueda ademais de negar a impugnación á súa política que supoñen estas sentenzas? Pois tenta mudar a normativa vía a lei de acompañamento dos orzamentos para  blindar a construción de eólicos fronte ás denuncias da veciñanza e do movemento ecoloxista que puidesen rematar nunha treboada de sentenzas contrarias ao negocio das grandes enerxéticas.

Moitas desas sentenzas, recoñeceu onte Rueda cuestionado por este xornal, "poñen en perigo investimentos". O de pór en perigo a calidade de vida, a economía ou a contorna ambiental dálle igual. Feita a lei, feita a trampa coa lei de acompañamento.

Comentarios