Opinión

Rueda mira, Aragón traballa

[Alberte Mera]

Afirmou onte o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, que o Goberno galego enunciará a súa proposta para que o Executivo español compense Galiza por ser produtora enerxética -e por tanto soportar o impacto ambiental, sobre a economía e a poboación- unha vez se saiba "en que se concreta" este mecanismo comprometido para Aragón.

Ao final da pasada semana o mandatario galego respondeu no Parlamento que estaba aberto a reclamar ao Ministerio para a Transición Ecolóxica compensacións para a Galiza. A demanda das compensacións enunciada días antes polo Executivo aragonés fixo a Rueda "abrirse" a esa idea, xa proposta numerosas veces pola oposición galega e en concreto por Ana Pontón, coa defensa dunha tarifa eléctrica galega que facilite á poboación galega unha factura máis baixa por ser produtora e compense a afectación sobre a cidadanía e o territorio. Nunca o PP apoiou iso. Mais Aragón manda, pero sen demasiado xúbilo tampouco na Xunta. De feito, onte, ao ser preguntado Rueda por máis detalles da súa proposta, afirmou que "aínda non" puido falar con ninguén do Goberno español respecto diso, e todo a pesar de ter estado na terza feira en Madrid aplaudindo a Constitución española co Executivo estatal. A ver que fai Aragón para que Galiza vaia detrás. Por favor, señor presidente da Galiza, tome a iniciativa. 

Comentarios