Opinión

Quen gañou o debate?

[Alberte Mera]

Hai persoas que cando as escoitas falar transmiten dunha forma especial, fanche ser capaz de visualizar con facilidade aquilo que che comentan, desde unha brincadeira a unha doenza, o seu xeito de falar faiche visualizar cada palabra como se dun filme se tratar. A oratoria estúdase, trabállase e hai quen a ten innata, quen ten esa capacidade de poder ourizarche a pel. E isto pásanos ao acudirmos a un recital, ao ouvirmos versos que quizais xa tiñamos máis que lidos e relidos, mais a forma de transmitilos fainos diferentes e outra vez recibimos e respondemos ao estímulo da palabra dunha forma diferente. Por iso, en política é fundamental unha oratoria que transmita de forma transparente, unha candidata ou candidato que amose ser de fiar e ter conviccións e empatía, e que teña entusiasmo e a xente nela ou nel e no proxecto que representa -prefiramos este termo, entusiasmo, a ilusión, pois a ilusión é de ilusos, un espellismo ou ilusión óptica-. 

Os datos, os coñecementos, as razóns e as ideas e a ideoloxía son fundamentais para facer política e cambiar a vida das persoas, e como se transmiten esas ideas colle, para quen amamos e traballamos coa palabra, máis forza. Este editorial leva por título unha pregunta con dúas respostas. Resposta a) Gañou quen vostede así o estime. b) Quen non gañou foi Rueda, porque renegar da palabra é de ser perdedor. 

Comentarios