Opinión

A Pediatría non é prioritaria

[María Obelleiro]

As prioridades dun Goberno evidéncianse no reparto do orzamento e non en declaracións nin en comunicados de prensa. É obvio que a sanidade pública non o é para o Executivo de Alfonso Rueda, a pesar dos exercicios de enxeñaría fiscal que realiza para vender ante os medios de comunicación un suposto aumento das partidas destinadas ao Sergas. Rapidamente os números mudan cando se lles aplica o impacto da suba do IPC e se demostra que os orzamentos en materia de sanidade non só non se incrementaron, senón que caeron en 70 millóns a respecto do exercicio económico anterior.

Escribo sobre fondos públicos porque a falta de diñeiro, derivada dunha política consciente de primar o privado sobre o público, é o que provoca que as crianzas da comarca do Carballiño, máis de 2.300, queden sen pediatra; ao igual que máis do 64% de municipios que carecen de persoal desta especialidade. Tamén provoca as listas de agarda que, por moita maquillaxe ou exercicios de enxeñaría contábel que traten de aplicarlles -coa infelizmente célebre lista de agarda non estrutural, onde van parar os doentes que desbotan ser derivados a hospitais privados e que deixan de contar na espera oficial-, padecemos en primeira persoa as usuarias e usuarios do Sergas, non só na Atención Primaria, senón para acceder a unha cirurxía ou a unha proba diagnóstica e a outros servizos sanitarios. Sentidiño, Sr. Rueda!

Comentarios