Opinión

Pagamos a crise, outra vez

[Alberte Mera]

Crise de prezos que non cesa e, unha vez máis, as traballadoras e traballadores cargan con ela ás súas costas. A perda de poder adquisitivo que está a producir de maneira continuada unha inflación en alza fai que os salarios dean cada vez para menos. O "apretarse o cinturón" que nos recomendaba o Goberno español na crise de hai unha década sería agora un "apretarse o estómago", pois vimos de coñecer como os prezos da alimentación son, un mes máis, os que maior encarecemento tiveron. Adquirir no mercado bens esenciais para unha alimentación saudábel é cada vez máis complicado pola suba desmesurada dos prezos da alimentación (encareceron 15% no último ano), o cal, por outra parte, nin sequera repercute nas produtoras e produtoras.

E, de novo, a Galiza sae máis prexudicada, rexistrando unha maior suba dos prezos en xeral no último mes (+7,5%) que o Estado español (+6,8%). Custa moito ter que asumir que nin o Goberno de Alfonso Rueda nin o de Pedro Sánchez vaian mover un dedo para controlar os prezos da alimentación. Vai facer algo a Xunta da Galiza para reducir o impacto inflacionista sobre o pobo galego ou a liña é seguir eliminando medidas sociais como a Tarxeta Básica que axudaba ás familias vulnerábeis a custear a compra de alimentación e produtos de primeira necesidade?

Comentarios