Opinión

Oficial ou cooficial?

[María Obelleiro]

O colectivo cultural Fala Ceibe, do Bierzo, emprazou onte as Cortes de Castela e León a recoñecer a oficialidade do galego na comarca. Unha iniciativa que chega logo de aprobar o Congreso, a instancias das formacións nacionalistas, unha proposición non de lei para protexer e difundir as linguas minorizadas. Nestes contextos, asistimos unha e outra vez á perversión da linguaxe ao nos referir ao galego como idioma cooficial da Galiza, cunha posición secundaria a respecto da lingua dominante, o español.

É curioso como “cooficial”, referido ás linguas, é empregado para connotar certa inferioridade. Acaso é o español o idioma oficial da Galiza e o galego o cooficial? Non. As dúas son linguas oficiais e, por tanto, son tamén cooficiais. Ambas as dúas comparten a categoría de oficial. Eis o significado do prefixo Co-. Mais semella non ser así. Os textos normativos non escapan do prexuízo. Un dos exemplos máis recentes é o da Lei Celaá, onde se desprende que o idioma oficial é o español e o cooficial, o das nacións sen Estado.

Comentarios