Opinión

O que cala o rei

Felipe VI non se moveu do guión. A súa agardada intervención de Nadal supuxo en certa maneira un revival do seu argumentario desde a chegada á Xefatura do Estado en 2014 logo da abdicación do seu pai, Juan Carlos I, cercado por repetidos escándalos que puñan en risco a continuidade da Coroa.

Porén, Felipe VI continúa sen marcar distancias coa corrupción que afecta a Casa Real, sen pedir desculpas polas súas prácticas e sen expresar unha vontade de reforma da institución. 

O discurso de Noiteboa é un bo exemplo do exposto. En lugar de desmarcarse dos delitos que se lle imputan ao pai, pasou de puntillas sobre o tema e manteu silencio sobre os escritos de membros das forzas armadas en contra do sistema democrático.

Nada dixo da pluralidade nacional. Non estraña, sendo a pedra angular do réxime do 78 que nega as nacións sen Estado. Cada un é dono das súas palabras, mais tamén dos seus silencios.

Todo o que cala o rei faino cómplice dunha situación que deteriora unha institución que na Galiza non conta desde hai tempo co apoio maioritario da poboación.

Comentarios