Opinión

O público

Baleiran aulas para encher rúas en defensa do público. Tres sindicatos, o maioritario no ensino, a CIG, xunto a STEG e CSIF, levaron a cabo onte a segunda folga na educación desde que Alfonso Rueda é presidente do Goberno galego. Fano pola redución das ratios nas aulas, xa que a calidade da ensinanza e unha educación que atenda as necesidades de cada alumna e alumno vense comprometidas canto máis masificadas estean as aulas.

Como revelaba este xornal antonte, a redución das ratios prometida polo Goberno galego non se completará até o curso 2039-2040. Non gusta a Rueda o ensino público: se neste ano a Consellaría de Cultura e Educación contou cun orzamento de 2.795 millóns, para 2024 a proposta da Xunta prevé que o orzamento será de 2.858 millóns, o que, unha vez descontada a suba da inflación, permite ver un descenso no financiamento público de 150 millóns.

Educación e sanidade, dous piares necesarios. Mesmo desleixo do Executivo en ambos os campos. As cifras coñecidas onte arrepían: máis de 44.000 galegas e galegos están en listas de agarda por unha operación no Sergas (21% máis que hai unha década). E ollo, estas cifras non inclúen as persoas que figuran nas 'listas non estruturais': aquelas nas que figuran, por exemplo, quen non queira ser derivada a un hospital privado para unha consulta ou operación que lle tocaría na pública.

Comentarios