Opinión

De muíños e eucaliptos

[María Obelleiro]

Nun mesmo día, dúas informacións que evidencian como, quen nos goberna, vende Galiza por anacos para engrosar as contas de resultados de grandes empresas. Por unha parte, o caso da compañía portuguesa Altri, un proxecto planeado para Palas de Rei e do que falta información, mais que afondará no monocultivo de eucalipto e que suporá un consumo desorbitado de auga. Por outra parte, o da eólica mariña, cunha patronal que xa recoñece abertamente que a xeración de enerxía con aeroxeradores no mar provocará prexuízos á actividade marítimo-pesqueira ao propor compensacións aos sectores afectados.

Celulosa e fibra lyocell, nun caso, e enerxía, noutro, como se non fosen suficientes os efectos para o medio ambiente e para o marisqueo da fábrica de Ence en Pontevedra e dos centos de muíños que se erixen nos montes. Unha Galiza que, como colonia que é, ve espoliados os seus recursos naturais e ve que os beneficios económicos marchan fóra. Unha Galiza na que, á vez, o 25,5% da poboación se atopa en risco de pobreza ou exclusión social, como vén de dar a coñecer esta semana a Enquisa de Condicións de Vida publicada polo Instituto Nacional de Estatística.

Non esperemos solución do Executivo galego. Ou hai mobilización ou seguirán a chuchar nos tetos da vaca aqueles que tan ben representara Castelao no seu cartaz a favor do Estatuto do 36.

Comentarios