Opinión

De móbiles e Edixgal

[María Obelleiro]

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, informou onte, na rolda de prensa posterior ao Consello que reúne os membros do Executivo, que estenderá a prohibición dos teléfonos móbiles aos recreos, comedores e actividades extraescolares onde, até o de agora, o seu uso dependía das normas de organización e funcionamento de cada centro de ensino. Anunciouno tan só dous días despois de que fixese o propio o seu colega de partido e homólogo en Andalucía. A decisión non está exenta de polémica: hai nais e pais que aplauden a medida e outras familias consideran que prohibir é todo o contrario a educar.

O que máis chama a atención é a dupla vara de medir do xefe do Goberno galego e da Consellaría de Educación, que enxalzan o programa Edixgal, de educación dixital, que centra o proceso de ensino-aprendizaxe no uso de computadores para máis de 64.000 nenas e nenos de 5º e 6º de Primaria e da ESO que, conectados á Internet nas súas casas, bibliotecas e outros lugares públicos, poden acceder a calquera contido e mesmo a xogos en rede. Hai quen se pregunta polas consecuencias en seguridade e tamén polas pedagóxicas, pois o alumnado con Edixgal pode adquirir destrezas no manexo dos recursos dixitais mais iso non implica que poida alcanzar unha competencia correcta en escritura, lectura, cálculo matemático e resolución de problemas.

Comentarios