Opinión

Marzo, memoria e retos

[Alberte Mera]

Difícil pensar hoxe o día a día sen os dispositivos electrónicos que empregamos de seguido. Difícil repensármonos sen o móbil ao carón. Mais aquelas e aqueles que medramos sen el, aínda recordaremos na carteira os almanaques de papel con importantes datas sinaladas.

Nos almanaques que se distribuían entre o estudantado, por exemplo, adoitaba haber dúas estreliñas en marzo: o 8, Día Internacional das Mulleres Traballadoras, e o 10, Día da Clase Obreira Galega. Espero que a perda da tradición de levar o almanaque -con honrosas excepcións- non implique a desmemoria desas datas, e que agora estean sinaladas na mente ou no ‘Calendar’ do móbil.

Sinaladas porque o presente en que vivimos amosa que a inxustiza, a precariedade e a discriminación non están superadas. Hai retos como a blindaxe das pensións ante o aumento a 30 anos do período de cálculo para as prestacións -que formula o Ministerio- e que suporía un recorte das pensións de 6% a 8%, nunha Galiza en que 2022 rematou coa pensión media en 930 euros mensuais -no Estado, 1.089-.

Por outra parte, neste país 77% das persoas traballadoras con contrato a xornada parcial son mulleres. E mentres, avanza a desindustrialización do país para este converterse nun gran sector servizos, sector que onte acumulaba o maior número de desempregadas e desempregados na Galiza: 102.581 persoas. 

Comentarios