Opinión

Maiores en exclusión

[María Obelleiro]

Lía hai escasos días o escrito por unha traballadora da sanidade nunha rede social. Contaba que unha paciente maior acudira ao ambulatorio cando non lle correspondía porque lle mudaran a cita e non se decatara. "Mandamos unha carta e tamén unha mensaxe ao móbil", díxolle a administrativa, "pois non chegou", respondeu a paciente. "Vostede non sabe ler mensaxes do móbil, a que non?", preguntoulle a traballadora, ao cal a señora dixo que non. A administrativa revisoulle o móbil, cunhas 50 SMS, segundo relatou. Mensaxes de citas médicas, avisos de revisión do gas, de corte de auga, de Covid de 2020...

Descoñezo se é verdade o que narra esta persoa, á cal non coñezo, mais, infelizmente, é obvio que casos como este acontecen con frecuencia na atención a persoas maiores en servizos públicos. O informe que deu a coñecer onte a Rede de Loita contra a Pobreza constata unha realidade que vai ir a máis: a exclusión social das persoas maiores. Maiores. A secas. Ou vellas. Ou anciás, pero sen o pronome posesivo "nosas", "nosos" diante, que infantiliza. O estudo alerta das trabas que sofren na sanidade pública e advirte de que son quen máis listaxes de agarda aturan. Tamén evidencia que a pesar de que as habilidades dixitais se incrementaron, a fenda dixital segue a ser unha realidade. É algo que debería preocuparnos.

Comentarios