Opinión

Incompetentes

[María Obelleiro]

A Real Academia Galega presentou onte os resultados do proxecto de avaliación da competencia bilingüe nos idiomas galego e castelán do alumnado de 4º da ESO. Un estudo que volve demostrar o obvio: as mozas e mozos galegofalantes son bilingües, ao teren competencia en ambas as linguas, mais as castelanfalantes non o son, pois carecen dunha competencia aceptábel no idioma propio da Galiza. Da análise tamén chama a atención o feito de que o alumnado que estuda en centros de titularidade privada teñan un dominio bastante máis deficiente en galego que en castelán.

Nos últimos anos, o Goberno galego xustificou a súa política lingüística escudándose na alta competencia do alumnado á hora de manexarse no idioma propio da Galiza. Porén, o estudo da RAG desmonta a tese do Executivo galego e evidencia algo do que xa se alertara cando aprobou o decreto do plurilingüismo no ensino: o modelo lingüístico de Feixoo prexudica a lingua propia e favorece o español. Cómpre unha viraxe, o máis inmediata posíbel, para garantir o futuro do galego.

Comentarios