Opinión

É Galiza país para crianzas?

[María Obelleiro]

Un golpe de realidade bateunos onte na faciana: o número de nacementos descendeu un 30% tan só nunha década, evidenciando o que as persoas expertas en demografía viñan advertindo nos últimos tempos. Galiza sería lugar para crianzas se o seu Goberno apostase polo país, pola súa potencialidade, e se sentise orgulloso del, a comezar polo seu idioma. Mais que esperar dun Executivo comandado por un PP que veta no Senado o uso da lingua propia?

Galiza é cada vez máis pequena e os cheques bebés non serven para reverter a grave caída da natalidade. Son necesarias medidas estruturais e non cosméticas, a comezar por acabar coa precariedade salarial, pois a día de hoxe ter un salario non é sinónimo de chegar a fin de mes, e mais coa temporalidade e a parcialidade no emprego.

Tamén é necesario avanzar na conciliación, pois, na inmensa maioría dos casos, son as mulleres quen cargan cunha dupla ou tripla xornada laboral, esta sen remunerar, na casa, coas tarefas de coidado. E reforzar os servizos públicos, un sistema de benestar hoxe en crise. E socializar a crianza das nenas e nenos. E apostar por unha política industrial decidida, polo coñecemento e a investigación, polos sectores produtivos. Mais, na última década, camiñouse no sentido contrario, como se o Xacobeo fose salvarnos o futuro.

Comentarios