Opinión

Feixoo e o sol da desmemoria

[Alberte Mera]

Un dos aspectos máis fermosos desta profesión é ofrecer ás lectoras e lectores datos, feitos e análises para comprender Galiza e o mundo. E dentro dese labor está, claro, informar das noticias do día. E aí é onde loce con toda gloria a afamada e temida hemeroteca. O calor destes días en Madrid debe desmemoriar Núñez Feixoo, mais aí temos a hemeroteca. Dixo esta semana que nunca xamais ninguén ousara pór unhas eleccións no verán.

Ben, nin tres anos hai que el mesmo decidiu -unilateralmente e con todos os grupos parlamentarios en contra- situar as eleccións ao Parlamento da Galiza en xullo. A oposición, daquela, pedíalle outubro xa que a pandemia estaba en puntos álxidos e mesmo a comarca da Mariña confinada e candidatas e candidatos sen poderen saír das súas casas. Nós Diario sinalaba ao día seguinte daquelas eleccións que se daría "un salto de Feixoo a Madrid para liderar o PP en substitución de Pablo Casado. A operación conta, nun principio, co apoio dunha parte do IBEX, descontento coa liña de oposición de Casado". Acertouse.

É lóxico ver Feixoo cometer estes erros e ter esta "desmemoria", pois deste 23-X a presión é moita e non só se xoga a súa continuidade como líder do PP español -de sobra coñecida quen sería a remuda- senón tamén o futuro de Rueda, que liga, como analizou Nós Diario esta semana, o seu resultado nas urnas galegas á unha posíbel vitoria de Feixoo nas estatais.

Comentarios