Opinión

Dogmas

[Xoán Costa]

Nesta semana que finaliza asistimos á escenificación do aniversario de dous dogmas, un por parte da Igrexa Católica e outro por parte do Estado español. Constitución e Inmaculada. Resulta estraño que un Estado como o español, que autoproclama que nengunha confesión ten carácter estatal, celebre na mesma semana, coa consideración de días non laborábeis, o aniversario do referendo, en 6 de decembro de 1978, da Constitución e o aniversario da proclamación, en 8 de decembro de 1854, do dogma da Inmaculada Concepción, que proclama a Virxe María como muller libre de todo mal, nunha especie de amnistía encuberta ou de indulto que non alcanzou o resto das mulleres que continúan a seren portadoras e transmisoras de pecado.

En paralelo coa doutrina relixiosa, que recoñece 48 dogmas repartidos en 8 clases, a Constitución española proclama tamén varias ducias de dogmas, o primeiro cando afirma que “A Constitución se fundamenta na indisolúbel unidade da Nación española, patria común e indivisíbel de todos os españois”. Un texto só comparábel a aqueles que dogmatizan sobre o Deus que é un e son tres; é principio e é fin. Renego do dogma porque non admite réplica nen permite proba de veracidade, porque nada pode ser verdade absoluta. Para avanzar prefiro a dúbida e escoller libremente o camiño.

Comentarios