Opinión

De cifras e abortos

[María Obelleiro]

Goberno galego e estatal non se poñen de acordo á hora de presentar os datos relativos ao aborto. Só se fixeron públicas as cifras de 2020, e mentres a Xunta di que o 65% das 3.300 interrupcións do embarazo decorreron en centros sanitarios públicos, o Ministerio reduce a porcentaxe a 22% e o número total de abortos a 2.500. Con independencia das cifras, a realidade é que a interrupción do embarazo non está completamente garantida no sistema sanitario público. De feito, o Sergas chegou a ser condenado en 2016 por pór en risco a vida dunha muller enviada a abortar a Madrid.

A lei vixente estabelece que o aborto debe practicarse "preferentemente en centros cualificados da rede sanitaria pública", mais as derivacións á sanidade privada representan a tónica xeral. É coñecida a situación que se produce no Hospital da Costa, en Burela, co persoal de xinecoloxía amparado na obxección de conciencia para non realizar interrupcións do embarazo. Tamén a do Hospital de Monforte, onde só se practican abortos entre a semana 14 e a 22, os coñecidos como terapéuticos, motivados polo perigo que supón a xestación para a nai ou o feto. Haberá que ler a letra miúda da reforma da lei para ver se, realmente, se garante o dereito a un aborto seguro na sanidade pública.

Comentarios