Opinión

Do Tictac ao TikTok

[Xoán Costa]

Tictac. Durante décadas esa palabra, onomatopea que imita o ruído ou o son seco, regular e rítmico dun reloxo, representou a cobiza humana por atrapar o tempo na súa carreira. Fronte aos reloxos de sol, medidores silenciosos do pasar das horas de luz, ou o movemento das estrelas, indicadores cósmicos do transcorrer  da escuridade, o tictac prende o tempo con precisión eurocéntrica. Nin un segundo escapa á mecánica suíza. O tictac ata na mesma correa datos e datas sendo capaz de nos revelar moitas cousas sobre a condición social da persoa portadora do reloxo que produce o son. E algúns mesmo serviron como instrumentos de espionaxe para o MI6, polo menos nos filmes de James Bond.

TikTok. Esta rede social, na que a presenza de persoas a través da creación de vídeos de baile, música, beleza, tendencias, comida, mascotas, etc. é dominante e de aí, tal vez, a razón do éxito xa que nada conecta mellor cunha persoa que outra persoa, tamén atrapa o tempo, as datas e os datos. Mais nada distinto do que fan outras aplicacións usadas a nivel global para a comunicación como pode ser Google ou Facebook. E por que é TikTok unha ameaza? Porque garda os datos nos celeiros da China e non nos dos USA e xa sabemos que horta e celeiro non queren compañeiro.

Comentarios