Opinión

Cotas de miseria e fortuna

[Xoán Costa]

Na Galiza sabemos moito de cotas, desde as que pagamos para celebrar as festas parroquiais a aquelas que hai 50 anos marcaban explotacións agrarias de subsistencia como empresas e os seus titulares como empresarios. Máis tarde, a Unión Europea sinalounos a produción láctea e a capacidade pesqueira con consecuencias ben coñecidas. E chamáronlle a iso solidariedade entre estados.

Agora, esta Europa tan dada a establecer cotas regula o mercado migrante e pon prezo ás persoas a través dun chamado pacto migratorio e de asilo aplicando a “solidariedade flexíbel”. Flexíbel porque, groso modo, significa que se pode eludir a cota de persoas que correspondan a un estado a cambio do pagamento de 20.000 euros por cada persoa que se rexeite reubicar. A onde vai ese diñeiro? Non está claro mais seguro que non en beneficio da persoa rexeitada do mesmo xeito que a compra de cotas de emisión de gases de efeito invernadoiro non reverte na mellora da saúde do planeta.

Alguén dirá que é mellor este acordo do que nada. Pode ser. Mais, mellor para quen? Porque resulta evidente que a Unión Europea aposta por seguir asentándose sobre as cotas de sofrimento e miseria dunha parte da poboación, migrante ou nativa, para asegurar as cotas de fartura e de fortuna de outra parte, aquí si, migrantes excluídos. E chámanlle solidariedade.

Comentarios