Opinión

Os contos que nos contan

[María Obelleiro]

Toda a retórica da Galiza subsidiada cae se atendemos ás contas que nos achega o economista Xosé Díaz, autor do libro editado por Sermos Galiza S.A. As contas que nos contan, quizais sería máis acaído titulalo “Os contos que nos contan” para evitar que a Galiza posúa un sistema de financiamento acaído, que teña en conta factores fundamentais como a dispersión poboacional e o envellecemento da poboación. Co actual modelo de financiamento, a Galiza perde perto de 4.000 millóns cada ano, en base aos cálculos de Díaz, cos datos da liquidación dos orzamentos do Estado de 2020, último exercicio económico con cifras publicadas.

Os estudos do economista ferrolán non son os únicos que evidencian que a Galiza perde co modelo de financiamento actual. O coñecido economista neoliberal Ángel de la Fuente tamén ten demostrado que a Galiza é unha das autonomías do Estado español que saen peor paradas co citado sistema e sinala que se reciben 475 euros menos por habitante que en Cantabria, por exemplo. Tamén chama a atención sobre a insuficiencia deste modelo a Conta Xeral do Consello de Contas relativa a 2020. Co factor de poboación axustada -que vén medir o número de habitantes “ao peso”- no que traballa o Executivo estatal non nos vai ir mellor.

Comentarios