Opinión

Cinzas

[Alberte Mera] 

Remata o Entroido nesta cuarta feira de Cinza, salvo nalgúns casos como no Lérez, onde fan xustiza ao de 'Boa Vila' e estiran un pouco máis a festa co seu Ravachol. Mais si, todo o dispendio vital destes días acaba hoxe en cinzas coas queimas de Mecos e enterros de sardiña e chega a Coresma, como explicaba onte Felipe Senén neste xornal. Chega unha corentena para reflexionar, mais tamén para abonar, porque desas cinzas agromarán as novas colleitas.

Queimemos “dispendios”, neste caso non os vitais, senón o malgasto dos cartos de todas as galegas e galegos que supoñen os recortes dos servizos públicos para pór estas prestacións en mans de empresas privadas. Fan negocio coa sanidade, co ensino e cos servizos imprescindíbeis que Rueda e Feixoo deron ás corporacións privadas. Dispendio de condonación de impostos aos ricos mentres o custo da vida sobe para as maiorías sociais.

Toca reflexión após o Entroido e desexos de que as cinzas sexan fertilizante dun país novo e mellor, con dereitos, servizos públicos, traballo e liberdade na Galiza, onde a lingua agrome con forza nesta primavera. Sobre todo, que a normalización lingüística pase a ser un obxectivo da Xunta e non o “home do saco” co que Rueda pretende asustar o propio pobo galego en campaña.

Comentarios