Opinión

Cabo Estai e as burbullas

[Alberte Mera]

Hoxe como onte a cativada adéntrase no onírico ao mirar as pompas de xabrón, tan fermosas, con reflexos degradados e ao tempo tan fráxiles e delicadas, o reto case imposíbel de podelas soster na man atrapaba horas. Burbullas de efímeras paredes que contrastan coas de fortes muros de quen se move en círculos concéntricos de costas ás demais, de quen vive en, por e para a súa elite. Hai burbullas infranqueábeis e delas chega a política de vivenda da Xunta da Galiza. Por políticas de aluguer entende: pagar con cartos públicos -entre 36.000 e 50.000 euros- ás empresas do ladrillo por cada piso que constrúan e dispoñan para aluguer.

Rueda estivo onte prometendo vivendas protexidas no barrio vigués de Navia, unha promoción que encadea unha década de atrasos. Ao tempo, a poucos km deste barrio, en Cabo Estai, na parroquia viguesa de Oia, o Concello e a Xunta defenden a construción de chalés de luxo en primeira liña de costa, nunha zona de inmensa riqueza que unha elite está a destruír construíndo mansións, é agora unha parroquia fantasma, chea de muros altos que rodean os seus palacios e os nosos areais, cámaras que nos gravan, coches de luxo, olladas de señoritos, como quen vai no verán de safari eles veñen á Galiza. E as institucións obedécenos. Quen ten cartos, manda e constrúe onde quere. Oxalá eses altos muros no litoral pinchasen como as burbullas de xabrón. Coidemos do litoral

Comentarios