Opinión

Abandonen a zona!

[María Obelleiro]

Segundo a Plataforma en Defensa da Pesca e dos Ecosistemas Mariños, o buque de bandeira británica Ivero dirixiuse aos barcos pesqueiros que traballaban fronte ás costas de Ortegal e Ferrolterra para pedirlles que abandonasen a zona, pois pretendía realizar unha prospección no fondo mariño. E esta é unha boa metáfora do que acontece no país debido a unha política enerxética e industrial que favorece as empresas de fóra para que espolien os recursos naturais sen deixar apenas retorno económico na Galiza: "Abandonen as terras as gandeiras e gandeiros para instalar máis parques eólicos e unha nova celulosa, abandonen a costa os mariñeiros para facer prospeccións co fin de crear un parque eólico mariño". E isto sen información previa por parte das autoridades marítimas, como aseguran propietarios dos pesqueiros contactados por Nós Diario.

Cómpre lembrar que a xeración eléctrica alcanzou o pasado ano na Galiza 23.872.174 MW/h, dos cales foron de orixe renovábel 17.987.088, é dicir, a electricidade procedente das tecnoloxías limpas superou o consumo interno case nun 27%. Ademais, a Galiza exportou en 2023 máis do 42% da enerxía eléctrica xerada, sendo Madrid -onde as empresas enerxéticas pagan de forma maioritaria os seus impostos- o destino principal. É para pararse a pensar!

Comentarios