Opinión

A Galiza de Rueda

[Xoán Costa]

"Convoco as eleccións para que Galiza siga sendo como é". Palabras de Afonso Rueda. Convocar eleccións para que Galiza siga sendo como é. Haberá programa máis desalentador? Seguir sendo como somos, sen procurar melloras en nengún aspecto, sen discusión de que poida haber algunha cousa non xa que vaia mal, mais que se poida mellorar.

Calquera convocatoria eleitoral en calquera lugar do mundo sempre se xustifica pola necesidade de avanzar, de correxir certos desvíos provocados pola situación socio-política ou de consolidar determinados aspectos sociais ou económicos. Mais aquí, non. Rueda di que é para que Galiza siga sendo como é. E como é a Galiza o 21 de decembro de 2023?

É un territorio controlado pola depredación eólica, coa privatización da sanidade, ou do ensino, en ponto álxido, coa imposibilidade de se deslocar dun lado a outro do país en tempo razoábel. Sen nengunha transferencia nen mellora no autogoberno nos derradeiros anos. Con millares de persoas tendo que abandonar o país. Sen política lingüística nen cultural. Sen posibilidades de vida nun rural eucaliptizado que non conta con redes de banda larga que permitan desenvolver empresas inovadoras. Sen servizos de pediatría adecuados ás necesidades da poboación. Esta é a Galiza que Rueda quere manter nos próximos catro anos. Se non estás conforme, xa sabes que facer.

Comentarios