Opinión

75 non son nada

Que son 75? Nada, se falamos de idade. O pracer de vivir coa experiencia e a sabedoría que dan os anos e unha calidade de vida que "nos regala" a ciencia -malia os recortes do Goberno galego-. Que son 75? Moito, se falamos das denuncias que as traballadoras e os traballadores da Corporación da Radio e Television da Galiza (CRTVG) teñen presentado só neste ano 2023.

Nada son, porén, para o director xeral da CRTVG, o señor Sánchez Izquierdo, que onte na sesión de control aos medios públicos no Parlamento da Galiza atreveuse a quitar peso a tan elevada cifra. Por certo, que o señor Sánchez Izquierdo terá que declarar a comezos do ano investigado por acoso laboral.  

O persoal, que xa interpuxo esas 75 denuncias este ano, clamou onte ademais ao poder Lexislativo e Executivo -ao Xudicial xa o fixo con todas esas demandas- para intervir canto antes ante o que definen como "manipulación informativa" e unha radio e televisión públicas que son o brazo de propaganda do Partido Popular na Xunta da Galiza. 
A dignidade e ética profesional, porén, aflora cada sexta feira en San Marcos da man, precisamente, de quen ama o xornalismo e o servizo público da información.

Son as traballadoras e os traballadores da CRTVG que cos seus 'Venres Negros' piden uns medios públicos de calidade, obxectivos e ao servizo da Galiza e do idioma.

Comentarios