Opinión

Descubrir a outra historia

Non hai que ir ao domingo sanguento de 1905 ou ao París da Revolución Francesa para coñecer feitos de transcendencia histórica

O pasado xoves tocou unha vez máis facer un alto en bacharelato, aparcando a segunda guerra mundial e achegándonos a outro feito histórico, moito máis próximo tanto no tempo como no espazo, pero do que o meu alumnado nunca oíra falar.

Ese día era 10 de marzo, e cumpríanse cincuenta anos dunha mobilización que regou as rúas de Ferrol co sangue de traballadores do sector naval; Amador Rei e Daniel Niebla mortos polas balas da policía franquista, e varias ducias de compañeiros que resultaron feridos.

Non é que me sorprenda o descoñecemento por parte do alumnado deses feitos, trátase de rapaces e rapazas en período de formación; ademais, se fixésemos unha enquisa entre a maioría da poboación, maior de idade, formada e con estudos universitarios, ao respecto do que pasou en Ferrol en 1972, ou da orixe da denominación Día da Clase Obreira Galega, a resposta non ía ser moito máis alentadora.

Unha proba de que a historia do máis próximo, a historia de Galiza e a historia dos invisíbeis seguen sendo anexos, que deben aparecer para quedar ben, pero sempre nun pequeno recuncho no que non molesten, pois outras cousas son máis importantes. E nisto non boto a principal responsabilidade sobre as costas do profesorado que imparte historia, aínda que algunha tamén temos dado que moitas veces asumimos pasivamente que debemos ser simples transmisores do que aparece neses currículos inabarcábeis; esquecendo que se nos achegamos ao propio é moito máis doado traballar determinadas "competencias" que son fundamentais na formación da persoa.

Tras a visualización dun pequeno vídeo sobre os acontecementos de Ferrol e a súa extensión a toda Galiza, destacando a folga do mes de setembro, chegaron algunhas preguntas:

- Se estaban nunha ditadura, como se atrevían a protestar?

- No vídeo vense cousas en galego, pero no franquismo non estaba prohibido?

- E como se defendían?

- E que conseguiron?

Partindo dun feito importante na historia contemporánea de Galiza e da loita contra o franquismo, foi posíbel falar de como nunha ditadura podía haber traballadores que, vendo unha inxustiza, non tiñan medo en mobilizarse en defensa de aquilo que consideraban xusto. E o máis importante na miña opinión, houbo quen se decatou de que non hai que ir ao domingo sanguento de 1905 en San Petesburgo ou ao París da Revolución Francesa para coñecer feitos de transcendencia histórica.

Fuxir das grandes batallas, das listas de reis e persoeiros importantes e dos convencionalismos marcados por unha historia académica cada vez máis pechada nos seus intereses corporativos, é posíbel e sobre todo moi necesario; tendo en conta ademais que a maioría da mocidade ve a historia como esa materia de "chapar" que non aporta nada. E se ademais tes a sorte de acertar á hora de escoller o material audiovisual, podes chamar a súa curiosidade e conseguir durante a visualización unha atención maioritaria.

Hoxe vivimos nun mundo globalizado, e os referentes para a mocidade son totalmente alleos non só a quen xa temos máis idade, senón tamén á súa vida diaria e á súa contorna. Son referentes que constrúen un mundo artificial, causante de moitos problemas e frustracións, ao ser cada vez máis difícil a distinción entre a realidade virtual e a vida real. Por esa razón, o principio pedagóxico de partir do contorno para en círculos ir achegándose ao máis afastado é cada vez máis necesario.

Empregar o 10 e marzo é un exemplo que permite falar do mundo do traballo, das inxustizas e da consecución de dereitos. E o mesmo podemos facer se nos centramos no 8 de marzo, pois na historia as mulleres non existen; e a suma de mulleres e clase traballadora (ou non privilexiados se falamos da etapa precontemporánea) son a inmensa maioría da poboación. Unha inmensa maioría borrada da historia, ou que con moita sorte serve de decorado para dar brillo a determinados acontecementos da historia oficial.

Comentarios