Opinión

O 'Día do noso club'

O ‘Día do club’ é un invento secular do fútbol cuxo interese inicial era o de axudar ó equipo local. A consecuencia do mesmo, os afeccionados do conxunto da casa pagan un suplemento que se engade á cantidade que xa invertiron no abono anual. A data escollida coincide normalmente coa visita dun equipo grande ou co que viaxan moitos afeccionados. A comezos da temporada, na presentación da campaña de abonados, o CD Lugo SAD anunciou que volvería a aplicar esta medida logo de anos sen facelo. O que non adiviñou é o curso errático que ten levado ós albivermellos a ocupar postos de descenso. Unha situación crítica na que necesita ós seus máis que nunca.

Toda medida debe ter o seu contexto. O consello de administración desta sociedade, encarnado na figura única de Tino Saqués, quixo impoñer un ‘Día do club’ no peor dos momentos. Contra o Deportivo, nun partido vital para os intereses do CD Lugo. O sobrecusto, coma vén sendo habitual na súa comunicación, foi anunciado de esguello. Na prensa, un domingo. A primeira nota oficial chegou ó final do día logo de que afección estoupara contra o que considerou unha suba totalmente innecesaria nas circunstancias do equipo.

Dende o mencer até o solpor sucedéronse as mensaxes contra a directiva. Esta ‘Día do club’ ía supor o golpe de graza dunha rexencia desnortada que non ten un ápice de respecto polo afeccionado, o que sempre estivo e vai estar aí. A cantidade extra que cada abonado tiña que pagar era esaxerada incluso para estas excepcións. Ó igual que os prezos para os visitantes deportivisitas, coa consideración de que o club coruñés se ofreceu a costear até dez euros do importe das entradas. A vergonza non podía ser maior para os lugueses, que vían como o seu propio dirixente asasinaba a animación nun día chave para a supervivencia do CD Lugo en Segunda División. Este ‘Día do club’ era do seu ‘club’, ó que ían obrigar a xogar de visitante na súa propia cancha.

Todas as peñas e moitos afeccionados particulares amosaron a súa disconformidade. Foi tal a presión que a SAD deu marcha atrás a esta impopular medida. Foi un triunfo colectivo dunha masa social pequena pero viva. É común escoitar certo desprezo cara a mesma por ser pequena. Por non ter capacidade para encher o estadio. Comentario das maiorías que só entenden de cantidades, aínda que veñan de estadios que son cemiterios. Os albivermellos conseguiron a primeira vitoria da semana fóra do terreo de xogo. Converteron o ‘Día do seu club’ no ‘Día do noso club’. Porque como ben reza o lema maioritario entre os que van ó Estadio do Miño, “o Lugo somos nós”. De súpeto, o que ía ser un encontro no que estaba aberta a gabia na que ía morrer o equipo, volveuse un campo de batalla onde os 3.000 de sempre están dispostos a deixarse o corazón e a voz.

Revocar a medida do ‘Día do club’ non merece agradecemento por parte da afección cara a directiva. Iso sería unha simple relación de vasalaxe cun verdugo ó que se lle felicita por non terlle cortado a cabeza ó reo. A reacción da hinchada luguesa é unha seria advertencia para un máximo mandatario que pensa que se pode levar unha entidade social e humana como é un club de fútbol tal que a súa empresa particular. Isto non é un xesto en positivo, é simplemente un remendo nunha chaqueta chea de buracos de bala. O CD Lugo ten moito por andar. Aínda está por ver unha axuda nos desprazamentos para unha afección que mora nunha fermosa cidade, pero carente de boas comunicacións. Unha deslocalización que non obstaculiza os seus desprazamentos. A pasada fin de semana, case medio milleiro de albivermellos marcharon cara Xixón para ver ós seus contra o Sporting. Por iso foi aínda máis incomprensible a adopción da medida usureira. Ós lugueses quédanlles catro finais para salvar a categoría, catro lances nos que agardemos que o fútbol sexa o único protagonista.

Comentarios