Opinión

Salvados

Como se lle explica a alguén ó que non lle gusta o fútbol o que che fai sentir? É unha tarefa complicada. Na primeira frase do argumentario xa botaches un berro e o interlocutor pensa que estás tolo. Aínda máis complexo é contarlle o que significa que o equipo da túa cidade acade a permanencia en Segunda División. Que nin Champions nin Copas. Seguir no segundo chanzo. Dígallo vostede a unha sociedade na que só gaña un e o resto fracaso. Sería imposible traducir a palabras o sentimento dos albivermellos logo de que o árbitro asubiara o final do encontro contra o Tenerife. Un partido no que se enfrontaron dous corpos cheos de feridas de sendas temporadas desastrosas. Empate a nada, inzado de medo por dous bandos que asinaron nunha aperta a salvación despois de que o Rayo Majadahonda se suicidase en directo contra o Real Oviedo.

Os majariegos perderon 4-3 nos últimos intres logo de ir vencendo 1-3 no Tartiere. Na machada colaboraron Joselu e Carlos Hernández, dous ex albivermellos. Unha rúa para eles. Ou unha rotonda, pero con fonte. Hai uns meses ninguén pensaría que este recén ascendido caería en desgraza, pero uns lamentables finais de partido nas últimas xornadas asinaron a súa condena. Todo, malia que na última xornada sumarán os tres puntos do partido contra o descalificado Reus. Síntoo polos seus afeccionados, porque nunca serei quen de alimentarme do mal malleo. Pero alédome aínda máis polos 3.000 de sempre do Estadio do Miño que nesta cita final foron máis.

Todo estaba preparado para o pasado domingo. O cartel de ‘entradas esgotadas’ estaba colgado. Pero a morte de Reyes meteuse no calendario. O falecemento do que fora xogador do Extremadura obrigou ó adiamento da xornada nunha mostra máis da arbitrariedade da Liga. Non se podía aprazar toda a competición? Non se podía mover unha semana para adiante sen crear prexuizos entre os equipos? Menos mal que todo iso xa é historia e quedará como simple capítulo adicional nesta a nosa agonía.

Malia o troco de rutina, a afección albivermella respondeu. E fíxoo con solidariedade. Moitos dos que non puideron acudir finalmente pola nova data cederon as súas entradas e abonos para que outros alentasen ó CD Lugo. Todo coordenado pola Federación de Peñas do equipo, o mellor que lle pasou a este club neste curso. Nos despachos desta sociedade unipersonal os xiros de temón volveron ser unha constante. Fóra deles, e ben preto, os seareiros forxaron un pacto de apoio mutuo co equipo para revertir a situación. Deles, e só deles, é a permanencia. A hinchada foi actor de cambio que sempre estivo por diante da SAD, á que non lle quedou más remedio que suspender o Día do Club no derbi contra o Deportivo, poñer un autobús de balde para viaxar a Almendralejo (con regreso e paliza de madrugada) ou deixar a un só euro os billetes para o lance contra o Tenerife. Disidentes até a médula, souberon poñer por diante de todo ó club.

Eloy Jiménez, o técnico salvavidas, foi un acerto. O terceiro adestrador do ano fixo o que se pide dun rescatador: dotar de resistencia defensiva e orde táctica ó equipo

Eloy Jiménez, o técnico salvavidas, foi un acerto. O terceiro adestrador do ano fixo o que se pide dun rescatador: dotar de resistencia defensiva e orde táctica ó equipo. E logo, moita confianza e psicoloxía. Sería un erro maiúsculo non renovalo e darlle a oportunidade de armar un equipo dende o comezo. A decisión correcta dependerá de se é tomada por unha persoa de fútbol como Manolo Mandiá ou se recae en Tino Saqués, o mesmo que se autoproclamou director deportivo albivermello nunha vergoñenta entrevista coa radio pública galega. En Mandiá, unha persoa da casa, con coñecemento do fútbol de acó e de acolá, temos plena confianza. No que inchou o peito logo da salvación, saíndo do campo un emperador, desprezando a algúns afeccionados que esperaban ós xogadores cun comportamento caciquil… Nese, cero fe. Canto máis lonxe estea da parcela deportivo, mellor lle irá ó CD Lugo.

O presidente con aire dos ‘90 ten bastante traballo fóra do campo. Remataron as partidos do PC Fútbol e comezan as xestións para, entre outras ententes, fixar o Fondo Sur. Un andamio abxecto no que a entidade ten desperdiciado miles de euros nos últimos anos en concepto de aluguer cara… Vaia vostede saber, xa que malia a maiúscula nota en transparencia que a SAD di obter, os fluxos económicos da mesma son máis difíciles de adiviñar que a física cuántica. Ninguén debería esquecer que o equipo chegou a esta situación crítica por culpa do máximo accionista, o único capaz de aturarse a si mesmo dende que aterrou en 2015 por medio dunha adxudicación que daría para libro. E ben deitamos de medios como Nós Diario ou as redes sociais que tanto denosta, nas que habitan, segundo el, os que cacarexan. Grazas a estas plataformas os socios podemos expresarnos libremente confluindo en medios nos que a crítica non é unha excepción dun día. Nos que non se especula con anécdotas e cadros costumistas que non axudan a nada. A SAD xa ten as súas canles oficiais como para ter que reproducilas noutros soportes.

Cumprida a advertencia, é tempo tamén para lembrarse dos que sempre estiveron aí. Dos históricos como Seoane, Pita ou Iriome. E dos que se se partiron a cara toda e temporada, tal que Josete, Vieira ou Lazo. A aperta entre o noso eterno dobre pivote é unha imaxe para a historia. Dous vellos do fútbol, deporte que xubila a calquera con máis de 30, pero cunha alma inquebrantable. Estabamos convencidos de que non iamos descender por eles. Porque non se merecían pasar por esa traxedia. A foto do partido, sacada por Xesús Ponte en El Progreso, ilustra o agarimo entre Seoane e Pita. Pero hai un terceiro convidado: Isma López. Un dos Heroes do Carranza, alcume secular que recibiron os protagonistas do momento máis importante da historia recente do club xunto co empate deste pasado martes. Hoxe o navarro milita nas filas do conxunto insular. Nunha conversa off the record para o documental Heroes que estamos a elaborar en Lugoslavia, díxonos que o seu obxectivo era chegar salvado ó Estadio do Miño. Que de ningún xeito quería mandar ó Lugo, o club que lle permitiu ser profesional, ó pozo da categoría de bronce. Dito e feito. Os da illa e os da ínsua celebraron xuntos a súa continuidade nunha liga durísima.

Ter camiñado durante o fío da navalla durante tantas semanas fainos valorar máis que nunca o que supón para un equipo modesto coma o noso estar en Segunda División. Unha lagoa chea de tiburóns que estiveron en Primeira. Pero aí estará a aldea que traballa, un ano máis, sachando. E agardemos que con moitos máis labregos dipostos a coller a eixada. Oxalá o aforo da última xornada, por riba das 5.000 voces, sexa a norma para vindeiros episodios. Porque non falta xente á que lle guste o fútbol, que é como buscar persoas que saiban ler. A carencia desta vila con trazas de cidade está no pulmón propio. Cando cruzan Pedrafita a todos se lles enche a boca falando da Muralla, pero cando pasean por ela fáno coa camisola de Messi. Iso mudará. Porque xa o está facer nas escolas, onde se vén camisolas albivermellas á par que brancas ou blaugranas. E pobre e podre do que queira quitarnos a ilusión, porque antes rematamos no Mosteiro de Samos que abandonamos esta paixón.

Comentarios