Opinión

Videodrome

Rueda adianta as eleccións e as maquinarias dos partidos póñense a funcionar. Primeiro chanzo: ofrecer nun vídeo o enmarcado xeral co que cada forza encara os comicios. As pezas, protagonizadas por Alfonso Rueda, Ana Pontón e Xosé Ramón Besteiro, cantan claro. A inexistencia de vídeo por parte de Sumar, tamén.
O PP tira da imaxe do autobus como metáfora do partido de amplo espectro: pai enrollado, moita paisaxe, paisanos que piden moderación, populismo galaico-tropical, enclave colonial "United Fruit Company" e xerseis estampados para as tropas afectas ao neoliberalismo Mariah Carey. A globalización en Galiza sempre é unha volta de porca na españolización.

Malia aparecer Rueda como temoeiro "campechano", o PPdG non se entrega en exclusiva á "autoidentificación". Suponse que porque o beneficiado do Galicia, Galicia, Galicia ascendeu á primeira división madrileña (a única que importa nese clube) e o que se precisa agora é traer á reserva os combates da Corte. Se isto é así, Rueda vai conducir o bus coa temeridade achispada de Miguel Ángel Rodríguez. E deixará fendas.

O vídeo do BNG tamén é claro: xentes progresistas e con conciencia galega, xentes máis ben novas, abstencionistas urbanos, é hora de facer os desexos realidade. Primeiro paso: performar unha Galiza na que Ana Pontón, muller e nacionalista, alguén a quen podes atopar no bar porque non vai largarse no primeiro voo a Barajas, xa é presidenta (e a apocalipse non chegou). Ela é confiable. Da casa. Todo é posible.

Tamén é diáfano o vídeo do PSdG: Besteiro gravou en Vigo, onde Caballero saca resultados esmagadores e, cun fondo de leds escintilantes, tirou de retrouso abeliano: somos os mellores do mundo. Problema: Caballero nunca fixo ningún esforzo para que o PSdG puidese proxectar o éxito vigués a Galiza. E viceversa. Conclusión: o vídeo ispe demasiado as eivas do PSdG como proxecto galego.

Está logo todo o peixe vendido? Non. É de prever que o BNG sacará un gran resultado e, dado que o PSdG non fixo os deberes, falta saber que fará o PSOE de Sánchez. Terá Galiza un papel diferente ao acordado por Felipe González e Fraga? Entrará o país no esquema sanchista de substituír o graneiro andaluz pola "España plurinacional"? Aproveiterá Ferraz as fendas que abra o exceso de chupitos do PPdG para darlle un mandobre a Feijóo no cu de Rueda? A combinación da boa imaxe de Ana Pontón coa implicación de Sánchez en campaña é que pode deixar ao PPdG sen Xunta e a Feijóo sen futuro. O que se di un win win.

Comentarios