Opinión

Un novo Haussmann

Hai uns días, Iván Ferreiro (músico pop de certa proxección e figura, por tanto, dependente á hora de violar en exceso os consensos) afirmou nunha entrevista algo que, dado o clima de unanimidade imbécil imperante na cidade, ten certo mérito: "non me gusta o Vigo actual". O cantante abxuraba do Vigo caballerista e dicía preferir o dos seus anos mozos.

Algo semellante me sucede cando baixo ao centro. A sensación de estrañamento é grande e, aínda que a min tampouco me gusta o Vigo actual, non me atrevería a dicir que sinto nostalxia polo Vigo dos meus anos mozos. Aquel tamén era un Vigo con eivas e problemas. 

Porén, algo había naquel Vigo máis sucio, máis caótico e máis conflitivo que o paso do tempo axuda a valorar na súa xusta medida.
Un supervivente daquel Vigo foi o café Hedra. Espazo minúsculo e peculiar situado nunha praciña pouco frecuentada do Casco Vello. Un deses lugares que, co café Uf, aguantaban o paso dos anos resistindo –cal curmáns bohemios dos ultramarinos e dos bares onde os homes botaban a partida– á hipsterización homologante que hoxe triunfa na hostalería.

Co peche do café Hedra, coma antes co derrubo do Barrio do Cura, avanza un palmo máis o Vigo plasticoso das franquías e dos espazos público-privados diáfanos e hixienizados, onde a cidade sacrifica todo sentido do misterio e da sorpresa para ofrecerse, coma panóptico profiláctico, para que o cidadán consumista-narcisista circule e observe –pero sobre todo sexa observado– polos seus iguais e polo Estado. 

Nas prazas duras, desarboradas, de superficie lisa, monótona, carentes do estampado da follaxe natural que alfombraría o chan de podremia e poesía, un séntese espido e alienado. Coma o communard derrotado e perplexo perante a cirurxía do Barón Haussmann que transformaría o París medieval –cos seus espazos avesíos, curvos e propensos ao levantamento de barricadas– nunha ditadura da grande avenida rectilínea e do exclusivo boulevard burgués. 

No pacificado Vigo postindustrial caballerista estanse a aplicar as últimas tendencias do urbanismo do control absoluto, herdeiras contemporáneas das ideas de Haussmann. Unha versión hedonista e instagramable do burgo da Contrarreforma barroca. Onde o teatro urbano substitúe os autos sacramentais –empregados polo poder para autorrepresentarse– polo ludismo dirixido e esponsorizado do capitalismo da mutación antropolóxica da que falaba Pasolini.

Comentarios