Opinión

Un 15-M azul?

O espectro do españolismo reactiva a maquinaria do "núcleo irradiador" madrileño en versión "guarimbeira". A síndrome do Escorial, contraída por Aznar para apartar os nacionalistas da gobernabilidade, sudamericanizou a Corte. No material, porque os fondos venezolanos e mexicanos arribaron en masa. No espiritual, porque estende alí a sensación de sitio propio das capitais de Sudamérica. A homologación da antiga metrópole ás sedes virreinais transfórmana nun fortín contra as demandas das periferias indíxenas.

Os ingredientes da cayeborroka van do frikismo berlanguiano ao fedor nacional-católico, pasando pola masculinidade en crise. Esta atopa no mito da Reconquista un imaxinario-refuxio para homes atribulados coa potencia feminista. Nas algaradas afloran trazos da guerra de xeracións: a rebeldía fascistizada, xa enxergada nas aulas, aborda un malestar real –o da precariedade vital– por camiños errados. O tropo do xudeu que controla o capital internacional renóvase a través das proclamas contra a "axenda globalista". Do mesmo xeito que o xudeu-vítima é hoxe o palestino, o xudeu-espectro é hoxe o "woke". Tras o delirio aniña, de novo, un pouso de verdade mal canalizada: o do bloqueo da política e a absorción da soberanía económica por entes sen escrutinio.

A sucesión de comunicados contra a amnistía das máis variadas corporacións paraestatais mostra a natureza non orgánica do Estado español. Este conglomerado de forzas armadas, alto funcionariado e patronal séntese ameazado polo que se move fóra do Palacio. Xógase o significante "democracia" (nin o máis reaccionario se atreve a abandonar o termo) para un hipotético tempo post-Réxime do 78. A discusión sobre o "lawfare" é a proba do algodón. A gran distancia existente entre o diagnóstico apocalíptico da caverna mediática e unhas mobilizacións pouco transversais, mina a credibilidade da dereita e pon nun brete a monarquía, que terá que asinar a lei de amnistía salvo que decida suicidarse. En Galiza, malia o uso das bandeiras do país como atrezzo, o PPdG de Rueda é cada vez máis unha sucursal do ayusismo.

O 15-M azul non calla. A situación é adecuada para transformar a maioría da investidura nun bloque histórico que democratice o Estado, estableza un novo marco plurinacional e atenda as carencias sociais. Non facelo deixa campo á dereita para a involución desde arriba. Nos aparatos do Estado, e non na rúa, é onde ten a capacidade de interferir. Veremos ata onde é quen de chegar Pedro Sánchez.

Comentarios