Opinión

Trauma e impasibilidade

En Sobre a historia natural da destrución (1999), W. G. Sebald abordaba un tema tabú: a redución a escombros das cidades alemás durante a II Guerra Mundial. Alén do controvertido que sexa "apiadarse" dun país que se entregou á borracheira nazi, o libro está inzado de reflexións interesantes sobre a cuestión do trauma bélico e sobre os límites do ser humano para encarar o sufrimento. Que queda dunha sociedade despois de vivir un shock destructivo desa envergadura? Que tipo de vida social resta cando a esfera pública non expía ese shock?

Para Sebald, a capacidade do ser humano para destruír territorios desde o aire, para desencadear tormentas de lume a través da aviación, constitúe un acontecemento inédito. Segundo o escritor, a Alemaña federal (a RDA non permitiu ningún tipo de contrahistoria diferente á da necesidade de frear o salvaxismo nazi) rexeitou enfrontar o trauma infrinxido aos seus propios civís polos bombardeos aliados e refuxiouse na eficiencia: "A nova sociedade alemá traspasou a responsabilidade das experiencias vividas a un mecanismo de funcionamento perfecto que lle permite, aínda recoñecendo de feito o seu propio xurdimento dunha degradación absoluta, prescindir tamén por completo da vida emocional, se é que non engadir un mérito á folla de servizos de quen logrou soportalo todo sen ningún indicio de debilidade interior". Os alemáns, di Sebald, sepultaron a dor psíquica en capas de solvencia técnica na reconstrución material do país.

Mais, como valorar a magnitude da dor psíquica cando do que falamos é dun novo capítulo da historia da destrución despregado nun territorio exento de calquera mancha culpable previa? Como de grande pode ser o shock para unha sociedade que non tivo plans imperialistas nin supremacistas, moito menos a idea louca da solución final entendida como proceso industrial? Dise que o cerebro humano desconecta pasado certo limiar de dor. Se isto sucede tamén na psique social, cal é o limiar de dor que pode soportar a sociedade palestina antes de zombificarse?

Alemaña é un país coa moral automatizada. Non hai nada malo en manter a raia o monstro antisemita que alberga na súa entraña. Mais que sucede cando a vítima é outro pobo e o verdugo un dito "Estado xudeu"? Considerar a vida emocional como debilidade interior, tal como propón Sebald, ben pode explicar, cando menos en parte, a impasibilidade alemá (e por extensión europea) ante a redución de Gaza a cascotes.

Comentarios