Opinión

Socioloxía rápida dunha serie

A serie Autodefensa (2022) pareceume máis valiosa como fresco social que como produto audiovisual. É unha xanela aberta ás ansiedades dalgúns dos nacidos arredor dos 2000.

Cousas que recicla: "punk pegamoide" e almodovarismo. (Pseudo)provocación a través do corpo e a actitude. Posmoderneo dos 80: ironía e mestura de alta e baixa cultura. O capítulo que parodia Pasolini, un exemplo.

Ausencia de pensamento histórico: das protagonistas só sabemos que unha estudou coas monxas e que outra veu do pueblo. Moran nun pisiño de Gràcia sen que fique claro como o pagan. Aparecen outros personaxes formalmente iguais que habitan nun limbo flotante sen perspectivas. Suponse que son precarios aínda que as clases sociais non existen na serie. O suxeito racializado é o camelo árabe e o negro do que unha se fixera amiga porque "quedaba ben". Esta reflexividade indica consciencia. Pero consciencia irónica. Rechama que na cosmopolita Barcelona os personaxes sexan tan homoxéneos.

O xénero como única cuestión política: concepción solipsista da loita feminista. O home é equivalente ao patriarcado. A cancelación é o método e o fin.

Ensimesmamento: psicoanalización da existencia. O capítulo da terapia psicolóxica pública como exemplo. Primacía do eu, ben como eu gozador, ben como eu sufrinte. Suxeitos a un tempo infantís e revellos. Da pulsión lúdica a un estar de volta de todo sen experiencia vital que o xustifique. A falta de represión tanto é fonte de éxtase e plenitude como de frustración e depresión. O eu de desexo incolmable prima. Emancipación é catarse ou loita pola supervivencia individual. O capítulo do director que emprega o poder patriarcal para conseguir sexo é un bo exemplo. Non importa se non hai transformación colectiva, a máxima é "queremos gañar", aínda que sexa dentro do statu quo. A contrapartida ao eu hipertrofiado é a falta de rituais sociais ou pautas colectivas. Individualismo extremo. Socializar é, en boa medida, encarreirar os desexos inmediatos en códigos comprensibles polo outro. O eu sen restricións é tamén un eu que non funda comunidade.

Falta de prexuízos: aspecto positivo da primacía individual, da singularidade como valor. Evidente no eclecticismo estético. Un exemplo desta democratización é a danza na azotea do edificio. A arte é DIY. Non hai xerarquías. Tan bo escenario é a paisaxe de tellados como o mellor dos foros oficiais (sobre todo se o primeiro se filma, claro).

Comentarios