Opinión

Del Riego e a necropolítica

Leopold Bloom, xudeo-irlandés, afable e namorado da súa muller –malia a infidelidade dela– posúe o que Galeno chamaba "temperamento sanguíneo"; caracterizado polo optimismo e a empatía. O protagonista do Ulysses é un ser cos pés no chan, alguén cheo de sentido común.

Nunca coñecín a Francisco del Riego en persoa, todo o máis foi velo nas rúas de Vigo, pero algo desa personalidade bloomsiana, paréceme, poderíaselle atribuír. O temperamento sanguíneo de Del Riego tamén se expresaba a través do seu gusto polos praceres mundanos –a comida, o viño, os habanos, os baños de sol– de igual xeito que Bloom se deleitaba comendo riles de año fritidos e outros órganos de bestas e aves.

Hai algo paradoxal en que un ser vitalista e práctico como Del Riego tivese a idea de festexar as Letras Galegas homenaxeando un morto. E hai algo perturbador en que este ano o morto homenaxeado sexa el. Seguro que non entrara nos seus cálculos que a celebración do 17 de maio –nunha autonomía gobernada, case que sempre, polo PP– habería contribuír a todo un xeito de administrar a morte para aquilo que cheirase a cultura galega.

Mais a necropolítica da dereita galaico-española é un habitus que se intensificou o día en que o corpo de Castelao foi repatriado. Un morto era, nos primeiros compases da autonomía galega, quen cumpría o papel de Tarradellas na autonomía catalá. Xa estou aquí: veño do ultramundo lexitimar a cancelación da política.

Coa pax fraguiana, a lingua galega comezou o seu proceso de agonía administrada. E o gran motivo que nutriría os sucesivos Gobernos do PP –o Camiño de Santiago– consistiría en levantar un palleiro económico-cultural –encamiñado a que o país continuase a desangrarse– baseado na existencia dos restos fúnebres do apóstolo na catedral compostelá.

Os Gobernos Feijóo-Rueda son o grao cero da administración administrante. Eles mesmos –por non falar dos seus descoñecidos conselleiros– ofrécense voluntariamente, de tan baleiros, a cumprir o papel de mortallas.

Do núcleo galaxiano, Del Riego era o máis nacionalista e o de máis vocación política. É probable que na vellez xa dese por descontado o destino que lle tiña reservado o PP ao seu cadáver. Se cadra por iso, o tamén vitalista James Joyce, irlandés polos catros costados, prefería imaxinar unha Irlanda non suxeita aos tópicos folclorizantes do pasado e enfocada cara ao futuro. Ben intuía o creador de Bloom que o culto á morte é unha adicción para calquera tecnócrata insubstancial.

Comentarios