Opinión

Restauración

Leo nunha historia das dereitas españolas escrita por alguén pouco sospeitoso de esquerdismo algunhas características do programa canovista que vetebrou a I Restauración borbónica.

Cánovas construíu o seu proxecto a través da idea de "transacción", modus operandi que consideraba un dos maiores méritos do moderantismo. Son os moderados aqueles liberais doutrinarios que, dando por inevitables algúns dos avances introducidos pola revolución francesa, tratan de conservar o que non podía ser sacrificado ao espírito xacobino. Pódese dicir que as democracias liberais do presente están construídas sobre esa tradición, máis liberal ca democrática. A reacción doutrinaria que en tempos revirou contra 1789, 1848 e 1871, embestiu, desde os anos 80 do século XX, contra 1917. Iso é o neoliberalismo que impregna o sentido común a esquerda e dereita.

Para Cánovas existía unha "constitución interna" da nación que estaba por riba da vontade nacional. A coroa non se podía considerar unha simple fórmula de goberno senón a representación dunha lexitimidade superior ao lexislativo. A falta de arraigo social do liberalismo español facía que este precisase de institucións tutelares.

Canovas teceu unha alianza entre a gran burguesía urbana e a aristocracia terratenente. Fomentou a aparición de milicias compostas por lumpen e por xente ben (a do augarrás e a da auga de colonia). Toureiros como Frascuelo sumáronse ao proxecto canovista. Tras o golpe de Estado contra a I República, Cánovas cooptou elementos da revolución setembrina, como Sagasta. Quedaban fóra do consenso as forzas republicanas, carlistas, socialistas e anarquistas. Tras a derrota carlista, abolíronse os fueros vascos, pero foron substituídos polo concerto económico que dura ata hoxe. 

Compárese coa Transición posfranquista e os paralelismos saltan á vista: continuidade histórica co franquismo, monarquía como institución tutelar, sociedade civil débil, síntese de elites na burguesía financeiro-inmobiliaria, integración das periferias, substitución do caciquismo polo control mediático e, tras a tregua modernizadora felipista, o regreso do augarrás en modo Desokupa e da colonia Cayetana do barrio de Salamanca. Ata os toureiros ultras regresaron.
A cooptación tamén foi marca da casa na II Restauración. Primeiro, a inventio do PSOE, despois, a incorporación do PCE. Hoxe que o quendismo busca recompoñerse, a cooptación continúa: Sumar pide que a amnistía polos sucesos de Cataluña o 1-O de 2017 tamén se estenda ás forzas de seguridade do Estado.

Comentarios