Opinión

Republicanismo e descolonización

En El tonto y los canallas. Notas para un republicanismo transmoderno (2019), Santiago Castro-Gómez revisa o pensamento latinoamericano desde Salazar Bondy, ata as Teorías do Sistema-mundo e da Dependendencia, pasando pola Filosofía da liberación. Confronta o intelectual o “esencialismo comunitarista” que procura alternativas nun “Outro” premoderno e critica a “metapolítica” da tradición marxista, por ver na economía e na longue durée a verdade última do Político.

Achégase aos estudos republicanos (Skinner, Pocock) e xebra con acerto Liberalismo (triunfante tras as revolucións dos EUA e Francia) e Republicanismo (corrente que, desde o Renacemento, empuxou esas revolucións). Separa emancipación e liberdade burguesa, e Modernidade e Capitalismo, ao tempo que se identifica con marxistas heterodoxos como Mariátegui, quen, sen renunciar ao universalismo socialista (fillo do universalismo republicano e neto do humanismo cristiano), valoriza a figura do Indio e reivindica o Mito como substancia ética ausente na razón instrumental europea. Para o autor cómpre apropiarse do republicanismo para enriquecelo coa idea (de Dussel) de “Transmodernidade”: un novo universalismo que inclúa a experiencia dos pobos negados. 

Malia enfatizar a natureza dialéctica da Modernidade, Castro-Gómez non fai o mesmo cos críticos daquela: infravalora a forza dialéctica que a mera existencia do pensamento extraeuropeo introduce na filosofía política hexemónica. Por outra banda, bótase en falta no libro unha reflexión sobre a peculiar Modernidade dos Estados que máis influíron na fasquía das repúblicas latinoamericanas: España e Portugal. Cantos dos desencaixes latinoamericanos non son xa ibéricos? Ademais, Castro-Gómez semella caer nunha confusión entre o pensamento republicano e as institucións positivas (de raíz liberal) das repúblicas latinoamericanas (e europeas).

Por último, a contraposición indixenismo vs. hexemonismo republicano (como nos soa!) é cuestionable: a potencia do republicanismo democrático estriba en encarnar unha alternativa non realizada na Modernidade no propio mundo europeo. Esa falta de realización é a que permite -así tratei de expolo no libro sobre o republicanismo de Castelao- engarzar o republicanismo plebeio (comunitarista e antipropietarista) co pensamento anticolonial. Por dicilo doutro xeito: o republicanismo plebeio, en tanto que o “Outro” do liberalismo moderno, é o pensamento descolonizador da propia Europa.

Comentarios