Opinión

O regreso do espírito

O clásico do cinema sobre a II Guerra Mundial A ponte sobre o río Kwai (David Lean, 1957) é unha lección do cambio de hexemonía xeopolítica. Un tratado de Giovanni Arrighi simplificado. Lembro o argumento: un batallón de prisioneiros británicos nun campo de traballo xaponés situado no surleste asiático debe construír unha ponte para o tren. No campo hai un soldado norteamericano algo pillabán que consegue fuxir pero que regresará, contra a súa vontade, cun comando segredo coa misión de voar a ponte que os ingleses constrúen.

O responsable do campo é un mando xaponés. Representa o samurai feudal. Ricto serio, afección á escrita tradicional e moral castrense. A ameaza totalitaria, dísenos, é unha regresión no tempo. O coronel inglés representa o gentleman burgués: enchoupado da vocación civilizadora que se autooutorgaba a propaganda imperial británica, obsesionado co cumprimento das leis e cun sentido do traballo ben feito tan pronunciado que esquece que a ponte é para o inimigo.

No filme, o paso do feudalismo á civilización burguesa, de oriente a occidente, reproduce a fenomenoloxía do espírito hegeliano. A voadura da ponte por parte dos norteamericanos simboliza o paso da hexemonía británica (forxada a través do ferrocarril) á dos EUA.

Pero a película tamén anuncia algo que ten máis que ver co mundo actual que co mundo de finais dos 50: o comando norteamericano está composto por varias mulleres locais (representantes pasivas do mundo non occidental embelesadas cos homes brancos) e por dous representantes do home común, do home masa (o tipo social que substitúe ao gentleman e sobre o que se constrúe a hexemonía americana no século XX): o soldado pillabán e un mozo deportista. Canda eles viaxa un mando experto en misións de sabotaxe: este representa a razón de Estado núa. Dos tres, só este sobrevivirá.

É coma se o filme anunciase o momento nos que se atopa o liderado dos EUA no presente. O reinado da pura razón de Estado, sen aditamentos hexemónicos, que levanta a man do representante norteamericano no Consello de Seguridade da ONU para vetar o alto o fogo en Gaza. Mesmo a abstención do Reino Unido semella o último aceno ridículo do gentleman fóra de combate. Pero, quen son os outros 13 que votaron a favor do alto o fogo? O mundo todo. No filme: as antigas carrexadoras, xa non máis pasivas nin embelesadas co amigo ianqui. As mesmas que en Vietnam asestaran o primeiro golpe. A encarnación do espírito a dar volta á espiral.

Comentarios