Opinión

Que pasa con Vigo?

Richard Sennett escribiu Carne e pedra. Un estudo sobre o corpo e a cidade en Occidente. Traendo a reflexión ao contexto vigués, podería dicirse que a historia recente da cidade do sur é a da carne traballadora e a lata de sardiña, a da carne traballadora e o coiro da maleta, a da carne traballadora e a terra arada, a da carne traballadora e o metal. En paralelo, a carne da burguesía primeira, con vontade de refinarse, levantou algúns edificios memorables en granito labrado, mentres que a burguesía rupestre franquista que chegou ao presente destruíu o escenario urbano cunha explosión inmobiliaria sen orde nin concerto. Carne e tixolo.

Como cidade sen ningún recoñecemento administrativo que é, o mellor Vigo fíxose a si mesmo a través do traballo e da loita de clases. Pero a mutación do Vigo dos últimos anos comeza a ser un caso de estudo comparable ao seu crecemento meteórico a partir do último terzo do s. XX. Thomas Frank escribiu o estupendo Que pasa con Kansas? Nel analizaba como os neocóns mudaran radicalmente o sentido común dun Estado progresista. Tamén poderiamos formular hoxe a pregunta “Que pasa con Vigo?”.

En que momento os habitantes desta urbe, carne da nosa carne, aceptaron converterse nun axente pasivo, en espectros circulantes sen corporalidade, vendo como se transforma de raíz a súa base material e, con ela, se converte a cidade fábrica en cidade centro comercial, sen que iso supoña unha gran mellora das condicións de vida das clases populares.
A pugna entre a ágora e o mercado é secular.

O Caballerismo (entendido como un conglomerado de intereses económicos, políticos e mediáticos) diminúe a ágora a favor do mercado a través da infantilización social. A súa concreción: converter toda a cidade nun gran parque infantil e tratar ao cidadán, en contra do que reivindicaba Kant, coma un menor de idade. A Vialización de Vigo marcha a gran velocidade. A Vialización consiste na apropiación e privatización do espazo público baixo a camuflaxe do sentimental.

A Vialización toma a palabra aos Situacionistas, que soñaban con aquela New Babylon -cidade creativa dedicada á exploración, á aventura e ao xogo-, pero transformada nunha gran franquicia con sorriso perpetuo McDonalds. O neoliberalismo cooptou o 68. A Vialización é neoliberalismo lúdico: atrezzo de cartón pedra, incultura globbish (o que nestes pagos é madrileñización), traballos de merda e emigración da xuventude formada. Hai que paralos.

Comentarios